Actualidade

Un total de 3273 resultado(s) para Outras novas

Xornada informativa sobre a aceleradora de proxectos Finodex

Logo de FinodexEste mércores 29 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas, celebrarase a primeira xornada informativa sobre a aceleradora de proxectos Finodex, organizada por AGASOL en colaboración con ASOLIF no Centro de Novas Tecnoloxias de Galicia de Santiago de Compostela.

Durante esta xornada presentarase que é Finodex e as condicións da primeira convocatoria de financiamento de proxectos innovadores. De forma moi resumida Finodex ten como obxectivo a xestión dun fondo de 4,64 millóns de euros destinados ao apoio de pemes e persoas emprendedoras con ideas de proxectos relacionados con aplicacións, produtos e servizos de datos abertos empregando a plataforma aberta FIWARE.

Esta xornada en definitiva tratará de achegar ás pemes e persoas asistentes a información sobre como poder presentar os seus proxectos e ideas innovadoras a esta convocatoria e acadar así o apoio económico que precisan para sacalo adiante.

Hacklab de impresión 3D na Coruña

Esta tarde, a partir das 16:30 horas, GPUL desenvolve un HackLab de impresión 3D na Aula 2.0b da Facultade de Informática da Coruña.

Cartel do hacklab de impresión 3DEn GPUL son conscientes de que o mundo do hardware libre está a ter unha gran evolución, estando cada día máis presente na nosa sociedade. Un bo exemplo desta evolución e presencia na sociedade son as impresoras 3d que podemos ver a miúdo nos xornais e nos medios de comunicación.

GPUL, non quere quedar atrás neste mundo e inicia a súa andaina con este HackLab, que se organizará en múltiples sesións, onde o obxectivo é rematar montando unha impresora 3D, partindo da información dispoñible no proxecto Clone Wars onde documentan como crear a nosa propia impresora 3D.

Hoxe comezan as VI Xornadas hispanas do software estatístico R

Esta mañá comezaron as VI Xornadas hispanas de usuarios do Software Estatístico R, organizadas pola Asociación Melisa, e que durante dous días acollerán a máis de 160 persoas nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago de Compostela.

Ademais do público asistente, outras 100 persoas máis estaban inscritas para seguir as xornadas en remoto grazas á que están a ser retransmitidas en directo por streaming.

Foto da mesa de inauguración das Xornadas

A inauguración das xornadas correu a cargo de Rafael Rodríguez, presidente de Melisa, Miguel Ángel Rodríguez Muíños, Asociación R-Hispano, Juan Víctor Rodríguez Arós representante da AMTEGA e Alfonso Blasco Director do CNTG.

Todos eles destacaron a alta participación de público nestas xornadas, mostra da gran comunidade que existe en torno a este software estatístico e á perfecta simbiose que semella existir no eido da investigación co software libre en xeral e a linguaxe R en particular.

Vreixo González e Iago Veloso gañadores do Premio ao mellor PFC con licenza libre

  • O gañador foi Vreixo González Caneda polo proxecto “Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre”
  • O gañador do segundo premio foi Iago Veloso Abalo polo proxecto “ Sistema de grabación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre”
  • Esta edición destacou pola alta participación con 15 proxectos inscritos
  • Esta iniciativa enmárcase no Plan de Software Libre 2014 da Xunta para mellorar e potenciar a formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía

Este venres 17 de outubro tivo lugar o acto de defensa dos 5 finalistas da VII edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Licenza Libre tralo cal procedeuse a dar a coñecer o fallo do xurado.

Gañadores da VI edición do Premio ao mellor PFC con licenza libreA Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) concedeu o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre a Vreixo González Caneda da Universidade da Coruña polo proxecto “Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre” consistente no desenvolvemento dun aplicativo para o sistema operativo Android, que ofrece cálculo multimodal de rutas en distintos medios de transporte publico, a pé e en bicicleta co obxectivo de servir de ferramenta de busca das mellores rutas. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Iago Veloso Abalo polo proxecto “ Sistema de grabación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre” consistente nunha aplicativo web para a xestión da programación dunha radio comunitaria, así como dun sistema de gravación e publicación automática das emisións, cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

GNome 3.14 dispoñible 100% en galego

Logo de gnome en galegoO equipo galego de tradución de GNOME anunciaba a finais do pasado mes que xa tiñamos dispoñible a nova versión do contorno de escritorio GNOME 3.14 completamente traducida ao galego.

Segundo indican na súa nota, esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que manteñen o nivel de tradución da interface no 100%. Para facernos unha idea do volume de traballo realizado, destacar que a tradución da interface foron 37.222 cadeas e 172.185 palabras e no caso da documentación, 6.598 cadeas e 72.693 palabras.

Os interesados en botar unha man a este equipo e contribuír a manter este escritorio así como a súa documentación dispoñibles en galego, poden unirse ao grupo sen máis que darse de alta. O equipo galego de tradución de GNOME conta cunha serie de manuais de introdución aos procedementos de tradución de GNOME para orientar aos novos colaboradores.

A asociación GHANDALF achega o software libre a máis de 250 alumnos da ESO e ciclos superiores

Logo da asociación GhandalfSegundo nos informan dende a asociación Ghandalf, durante estas últimas semanas máis de 250 alumnos pertencentes a diferentes niveis da ESO e de ciclos superiores, así como tamén algúns profesores dos centros implicados, recibiron por parte da asociación GHANDALF unha serie de charlas formativas en materia de software libre.

O pasado día 1 de outubro, no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, tivo lugar a primeira destas charlas, na que arredor de 100 alumnos de 1º e 2º da ESO, así como parte do profesorado do centro, recibiron unha charla de introdución ao software libre. Nesta sesión os asistentes tiveron a oportunidade de descubrir que é o software libre, como se obtén, que vantaxes achega e mesmo darse conta de que o estaban a empregar a diario sen ser conscientes dilo. Na segunda parte da charla viron exemplos de ferramentas libres que se poden empregar para as tarefas máis habituais como pode ser a ofimática, navegación por internet, retoque fotográfico, xogos, etc.

Por outra banda, no IES Xulián Magariños de Negreira, onte mesmo, tiveron lugar outras dúas sesións, nas que participaron máis de 150 persoas en total.

Finalistas para o Premio ao mellor PFC con licenza libre

O vindeiro venres 17 de outubro a partir das 16:00 horas terá lugar o acto de entrega da VII edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre que convoca a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG. O acto celebrarase na Sala Eisenman da Cidade da Cultura.Imaxe do premio

O pasado 30 de setembro rematou o prazo de presentación de candidatos ao premio, cun récord histórico de participación.

Recibíronse un total de 15 inscricións, completando 14 candidatos todos os pasos requiridos para a participación. Cómpre destacar ademais da cantidade, a variedade de áreas e a calidade de todos eles, habendo por primeira vez dous proxectos que, ademais de desenvolvemento de software publicado con licenza libre, empregaron tamén hardware libre.

Con estes datos, podedes imaxinar que a tarefa do xurado para a elección dos finalistas non foi un traballo doado. Segundo se recollía nas bases, ademais da calidade técnica dos traballos, o xurado valorou especialmente o correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo propia dos desenvolvementos en aberto.

Mapping Party de OpenStreetMap en Vigo

O vindeiro sábado 25 de Outubro terá lugar en Vigo unha Mapping Party do proxecto OpenStreetMap. Esta actividade, organizada por GALPon coa colaboración de Xeoinquedos, está enmarcada dentro dos Sábados Libres na Altamar.

Unha mapping party, ou festa dos mapas, é un encontro de xente interesada no proxecto OpenStreetMap que se xuntan para cartografar un determinado lugar de xeito colaborativo. Os participantes percorren sectores previamente asignados facendo un levantamento de toda a información relevante que pode ser incluída no mapa: nomes de rúas, números dos portais, sentidos da circulación, establecementos, edificios públicos, etc…

Estas festas dos mapas son tamén actividades sociais, nas que a xente comparte trucos e experiencias, axuda a formarse a novos colaboradores e se comparte coñecemento arredor deste gran proxecto.

Xornada técnica sobre OpenNebula no CDTIC

  • O CDTIC acollerá a primeira xornada técnica celebrada en Galicia sobre OpenNebula, unha alternativa en software libre para cloud computing.
  • Celebrarase o 8 de outubro, organizada pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre, Agasol.
  • Será impartida polo enxeñeiro Jaime Melis, un dos creadores desta ferramenta e impulsor da comunidade OpenNebula.

Logo de OpenNebulaA Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) organiza o mércores día 8 de outubro, nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela, a xornada TechDay de OpenNebula. A inscrición ás xoradas é de balde, limitada unicamente ao aforo da aula.

O obxectivo principal é aprender a utilizar esta plataforma, unha alternativa en software libre para cloud computing, así como coñecer experiencias de uso da comunidade local. Da man de Jaime Melis, os participantes aprenderán  a construír, configurar e operar a súa propia nube privada con OpenNebula. Non se requiren coñecementos previos de OpenNebula, pero é recomendable que os participantes teñan coñecementos básicos de sistemas Unix / Linux virtualización e redes.

XIII Xornadas Libres de GPUL

A vindeira semana, do 8 ao 10 de outubro terá lugar unha nova edición das Xornadas Libres do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Estas son xa as XIII xornadas, o que fai delas un dos eventos de promoción do software libre máis antigo da nosa terra.

Imaxe do banner do portal das Xornadas Libres

Un ano máis estas xornadas, contarán co apoio de antigos alumnos da facultade, de socios do GPUL, de empresas do sector e doutras asociacións comprometidas co mundo libre, co obxectivo de achegar aos asistentes ao mundo do hardware, software e a cultura libre en xeral.

Durante os 3 días que duran as xornadas, haberá diversas actividades de todos os niveis, dende introdutorio a avanzado e enfocadas tanto a estudantes como a profesionais do sector.

Pax. 30 de 328« Primeiro...1020...2829303132...405060...Último »

Pin It on Pinterest