Actualidade

Un total de 543 resultado(s) para Empresa

Elekta escolle o servidor Linux Zentyal para garantir a seguridade dos equipos de tratamento médico

Logo de ZentyalHoxe en día os equipos médicos avanzados integran sistemas operativos completos e polo tanto están expostos a un número crecente de vulnerabilidades de seguridade e ameazas cibernéticas. Isto ocorre particularmente cando os equipos se conectan a redes de área local dos hospitais e pode resultar que virus, vermes e todo tipo de malware como troianos permitan accesos remotos non autorizados.

Elekta, empresa líder mundial en provisión de sistemas de radiación oncolóxica e neurocirurxía, buscaba unha solución de xestión unificada de ameazas (UTM) para integrar nun novo dispositivo de seguridade para empregar en hospitais para protexer os equipos de tratamento médico contra vulnerabilidades de seguridade e ameazas cibernéticas. O software que buscaban debía ser fiable e amplamente probado pero ademais ofrecer a máxima flexibilidade para adaptarse ás súas necesidades específicas e para resolver os futuros retos. Zentyal resultou cumprir con todos os requisitos ademais de ofrecer uns custes de mantemento reducidos. Así Elekta optou por Zentyal para garantir a seguridade dos equipos de tratamento médico.

Conferencia internacional sobre aspectos legais do Software Libre

A conferencia EOLE, European OpenSource & Free Software Law Event é un evento europeo que ten por obxectivo promover a compartición e diseminación do coñecemento dos aspectos legais e licenzas de Software Libre e de Fontes Abertas, así como o desenvolvemento e promoción de boas prácticas neste campo. Este ano vai xa pola súa 4 edición. Terá lugar en Barcelona o 4 de novembro.

Se no ano 2008 en París centráronse na, por entón, recentemente publicada versión 3 da GPL, no 2009 en Bruxelas o tema a tratar foi Software Libre e de Fontes Abertas ante o Parlamento Europeo, e en 2010 en Torino, enfocaron as cuestións xurídicas expostas pola liberación de software do sector público, este ano en Barcelona centraranse en dúas áreas novas para a conferencia: o sector empresarial e o mundo universitario e da investigación..

Así este ano, a conferencia EOLE aspira a dilucidar algunhas das principais cuestións relacionadas por unha banda coa creación de empresas ou de liñas de negocio baseadas en software libre, dende o punto de vista do “provedor” e por outra coa adquisición ou a "adopción" do software libre polas empresas usuarias e como poden colaborar con proxectos de software libre.

A Xunta de Galicia pon a disposición da cidadanía novo material didáctico formativo no Repositorio Documental FLOSS

  • Xa están dispoñibles os materias didácticos en galego sobre GIMP e Impress dirixidos aos docentes de ABALAR.
  • Os materiais, elaborados por AGASOL, distribúense con licenza libre no Repositorio Documental FLOSS.
  • Un total de 280 docentes están a recibir formación sobre estas materias nos meses de maio e xuño, impartida por enxeñeiros informáticos do CPEIG

O Plan de Acción FLOSS do ano 2011 promovido pola SXMIT da Xunta de Galicia inclúe un capítulo específico para a potenciación dos mecanismos de formación e difusión do FLOSS. Con este obxectivo, en marzo deste ano asinouse un Convenio de colaboración con AGASOL (Asociación Galega de empresas de SOftware Libre) e CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia) para a realización de diversas actividades de difusión e formación para promover o proxecto ABALAR no que, entre outras actuacións, prevíase a elaboración de guías didácticas sobre ferramentas FLOSS do equipamento ABALAR así como a realización de xornadas de formación dirixidas aos docentes dos centros ABALAR.

A Fundación Garum presenta Bazar en Santiago de Compostela, nova rede social empresarial para a xeración de mercados globais

Filosofía de BazarEsta tarde, ás 19:00 horas, a Fundación Garum presenta na galería Sargadelos en Santiago de Compostela, o seu proxecto Bazar, o primeiro software desenvolvido pola propia Fundación co obxectivo de xerar novos mercados transnacionais para pemes. A presentación conta coa colaboración da start-up compostelana Cilenis, especializada na Enxeñería Lingüística e no Procesamento de Lingua Natural.

Bazar é un aplicativo desenvolvido pola Fundación Garum. É software libre, publícase con licenza GPL3, ten unha estrutura distribuída e serve para xerar mercados. O seu principal obxectivo é favorecer a compra e venda nun entorno similar a unha rede social entre empresas. A idea fundamental é permitir que pequenas empresas e emprendedores atopen novos mercados a escala global nunha contorna confiable e sen os custos da internacionalización física.

Os traballadores autónomos móstranse satisfeitos co uso do Software Libre

Por terceiro ano consecutivo Fundetec presenta o seu informe “O autónomo e a Sociedade da Información 2010” sobre o uso das TIC por parte do colectivo autónomo, coa colaboración da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) e a Federación Nacional de Traballadores Autónomos (ATA), e co patrocinio do Ministerio de Traballo e Inmigración, que foi presentado onte en Madrid.

O informe está baseado en preto de 3.500 enquisas realizadas a autónomos de toda España, distribuídos por comunidades autónomas e de nove sectores de actividade (automoción, comercio, construción, transporte, industria, actividades financeiras, científicas, hostalería, etc.).

Durante a presentación do informe, a vicepresidenta de ATA, Elena Melgar, destacou que "nun momento como o actual, cunha constante perda de actividade económica, o fomento das TIC, como ferramenta para a mellora da competitividade do colectivo autónomo, faise indispensable. Para elo cómpre impulsar medidas de axuda á adquisición de ferramentas tecnolóxicas, que fagan que o nosos tecido empresarial se achegue aos niveis europeos".

Por primeira vez, o informa presta atención ao software libre e de fontes abertas e a conclusión máis relevantes é o alto grao de satisfacción dos usuarios de software libre. O informe revela que algo máis de un de cada catro autónomos (28%) que teñen equipamento informático emprega solucións de fontes abertas, principalmente de comunicación (78%), de ofimática (67%) e empresariais (55%). Ademais teñen un alto grao de satisfacción, xa que o 26% están moi satisfeitos e o 69% satisfeitos co seu uso, sendo meramente testimonial a porcentaxe dos que se amosan pouco satisfeitos e non rexistrándose ningún caso de insatisfacción.

Introdución aos blogues dende unha perspectiva emprendedora

Logo do Centro de Innovacións Social de LugoO vindeiro sábado 14 de maio de 11.00 a 13.30 horas celebrarase unha xornada sobre blogues, focalizando o uso dos mesmos no ámbito empresarial, organizada polo centro de innovación social (CIS) In Lugo.

Durante a xornada realizarase un percorrido no que se poderán visualizar e entender os aspectos técnicos máis importantes a ter en conta no uso e xestión dun blogue de carácter empresarial. Da mesma forma e apoiándose nas distintas ferramentas e opcións que nos proporcionan estas plataformas, onde o software libre ten unha presenza maioritaria, traballarase sobres distintas posibilidades para crear a fidelización do cliente cara a empresa e manter unha interacción continua entre ambos.

A xornada é de acceso libre e gratuíto tendo un aforo máximo de 50 persoas. Terá lugar nas propias instalacións do centro na Rúa Frei Plácido Rei Lemos 2ª planta s/n, Lugo.

I xornada ASOLIF demostrativa de produtos e servizos baseados en software libre

Logo de ASOLIFO vindeiro día 11 de maio terá lugar na sede de Madrid on Rails en Vicálvaro unha xornada demostrativa de produtos dalgunhas das empresas máis representativas do sector, denominada DemoLibre ASOLIF: I xornada ASOLIF demostrativa de produtos e servizos baseados en Software Libre, organizada por ASOLIF coa colaboración de SoliMadrid , Madrid on Rails e o Concello de Madrid a través do proxecto A Catedral das Novas Tecnoloxías

Os asistentes poderán coñecer algúns dos principais produtos que comercializan empresas do sector do Software Libre, ademais das actividades que se están realizando desde a Federación e as Asociacións rexionais que forman parte de ASOLIF, onde por suposto estará presente AGASOL da man do seu presidente Jorge Vázquez.

Ademais Roberto Brenlla da empresa galega Tegnix, fará a presentación do proxecto Centro de Referencia en Formación ASOLIF (C.R.F. ASOLIF) como director técnico do proxecto xunto con Antonio Roncero da Aula Técnica de Andalucía como Responsable de Plataforma e Paul Brown de Linux Media como Coordinador de Contidos.

IV Xornadas de OpenERP en Lugo

IV Xornadas OpenERP en Lugo

Os próximos días 26 e 27 de maio terán lugar na Cámara de Comercio de Lugo as IV Xornadas de OpenERP 2011 organizadas desta volta pola empresa galega Pexego, da que recentemente vos informamos que viña de acadar o nivel 2 da certificación CMMI.

 OpenERP é un completo sistema de xestión de empresas/organizacións (ERP) de licenza libre que cobre as necesidades das áreas de contabilidade, vendas, compras, almacén, inventario, proxectos, CRM, recursos humanos, TPV, tendas virtuais…

Logo da emrpesa PexegoComo pode comprobarse nos datos recollidos no Catálogo de produtos e servizos TIC das empresas FLOSS galegas, Pexego é a única empresa de AGASOL que ofrece servizos sobre este ERP e dende Febreiro deste ano é Partner oficial de OpenERP. Pexego conta cun destacado grupo de programadores adicados actualmente á implantación e parametrización de ERPs en empresas e institucións baseándose fundamentalmente en OpenERP como sistema máis apropiado para estes fins, e contribúe activamente ao seu desenvolvemento coa publicación de novos módulos para dito aplicativo.

Igalia únese á Linux Foundation

En pleno ano de celebración do 20 aniversario de Linux, o pasado 19 de abril a Linux Foundation, organización sen ánimo de lucro adicada a acelerar o crecemento de Linux, anunciou que Igalia viña de converterse no seu máis novo membro.

Logotipo de IgaliaJuan José Sánchez, co-fundador de Igalia afirma que "a Linux Foundation é a casa de importantes proxectos da comunidade e un dos mellores foros para colaborar con outras organizacións de código aberto. É un paso natural para nós, para formalizar a nosa relación con ese ecosistema ". "Coa nosa participación na Linux Foundation agardamos afondar na colaboración con proxectos como MeeGo e apoiar o traballo da Linux Foundation que favorece tanto a adopción como a comprensión do código aberto."

Logotipo da Linux FoundationAmanda McPherson, vicepresidente de programas de marketing e desenvolvemento da Linux Foundation afirmou que "Igalia é moi respectada polo seus traballos multiplataforma con fabricantes de equipos e operadores e pola súa ampla experiencia contribuíndo a proxectos de código aberto durante todos estes anos. Agardamos as súas contribucións á Linux Foundation".

Agasol inicia un curso de formación sobre Navalplan

Logo de NavalPlanHoxe comeza un curso de formación, de carácter gratuíto, sobre Navalplan dirixido fundamentalmente a empresas TIC galegas.

Como xa informamos o pasado mes durante a súa presentación, NavalPlan é unha ferramenta de planificación para usuarios baseada nos seguintes conceptos: visión xeral de empresa e multi-proxecto, asignación de criterios, etiquetado de tarefas, xestión de recursos, asignación de recursos (específica e xenérica), control de carga da empresa, integración externa, etc.

Trátase dunha ferramenta web de planificación especialmente útil para calquera tipo de empresas cun fluxo de traballo que requira a xestión, planificación e control de proxectos e pedidos.

Pax. 29 de 55« Primeiro...1020...2728293031...4050...Último »

Pin It on Pinterest