Actualidade

Un total de 526 resultado(s) para empresa

Tegnix busca novos profesionais para integrarse no equipo docente de Aula Tegnix

Logo da aula tegnixTegnix é unha empresa galega que vén desenvolvendo a súa actividade como consultora altamente especializada en Software Libre dende o ano 2004, despregando proxectos tecnolóxicos e realizando accións formativas a través de Aula Tegnix, con calidade certificada e recoñecida como Centro Formativo Acreditado por CENATIC segundo vos informamos o pasado mes.

No seu proceso de constante mellora e expansión de negocio na liña de formación en software libre, Tegnix anuncia unha nova oferta de emprego pola que busca cubrir diversas prazas de docentes especialistas en software libre, así como comerciais e responsables de negocio. Segundo nos informan dende Tegnix, as vacantes existentes irase actualizando no seu portal, na sección "Traballa con nós".

Todas as persoas interesadas nalgún dos postos deben enviar o seu curriculum por correo electrónico en formato estándar ISO, como pode ser ODF ou PDF, ao enderezo rrhh @ tegnix . com ou ben ao enderezo postal de Tegnix:

A OSL do CIXUG achegará os seus servizos á Escola Politécnica de Lugo

Cartel da xornada da OSL na EPS de LugoMañá martes 8 de outubro, a oficina móbil da OSL estará presente na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo para achegar aos estudantes do campus universitario de Lugo os servizos que lles ofrece esta oficina, así como as vantaxes do Software Libre, as posibilidades deste tipo de solucións para a incorporación ao mundo laboral así como o Premio ao mellor proxecto de Fin de Carreira (ou fin de grao) en Software Libre.

Dentro das súas actividades de difusión e promoción do software libre dentro do ámbito universitario, a OSL trasládase desta volta ata as instalacións da Escola Politécnica, en horario de 10 a 14. As persoas interesadas en contactar co persoal da OSL poderá localizar o punto informativo na Ampliación da Escola, situada ao carón da cafetería.

Paralelamente, de 11 a 12 da mañá, terá lugar no Salón de actos da Escola, unha charla para dar a coñecer de primeira man a realidade das empresas privadas que traballan con software libre.

A programación formativa do CNTG en Software Libre inclúe novas materias

Imaxe do CNTGO CNTG vén de facer pública a súa programación de cursos para o vindeiro 2013/2014 cun total de 51 cursos, 811 prazas e aproximadamente 3.000 horas de formación, que se complementarán coa realización de diversos seminarios técnicos de libre acceso para as persoas interesadas.

Dentro desta oferta formativa o software libre ten un peso importante, con algo máis do 40% das accións formativas relacionadas con últimos produtos e ferramentas libres demandadas actualmente polo mercado, tales como LPI, Red Hat, Zentyal, Asterisk, Zend, Cloudera etc .

Todas as accións formativas teñen unha clara orientación laboral. Trátase de accións formativas para o emprego de carácter técnico, intensivo e especializado, dirixidas preferentemente aos/ás profesionais galegos/as do sector das TIC. Na constante evolución da oferta formativa para adaptala ás demandas de profesionais polo mercado, o CNTG incorpora novos cursos de temáticas non tratadas en programacións anteriores como por é o caso de administración e/ou desenvolvemento Cloudera para Apache Hadoop.

Pemes e autónomos galegos recibirán asesoramento tecnolóxico da man do CPEIG e Amtega

Imaxe da presentación do Programa de Asesores TICO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentaron onte no Centro Demostrador TIC o Programa de Asesores TIC dirixido a pemes e autónomos galegos.

Este programa ten por obxectivo prestar apoio ás pequenas e medianas empresas galegas no seu proceso de mellora tecnolóxica sen custe algún para elas. A iniciativa está dirixida a negocios dos sectores da agroalimentación, do mar, da acuicultura e da construción, así como a autónomos que teñan previsto implantar algunha solución TIC no prazo dun ano a partir do comezo do programa.

O asesoramento será desenvolvido por profesionais con formación en Enxeñaría en Informática que axudarán ás empresas a determinar cales son as súas necesidades tecnolóxicas en función do seu modelo de negocio, sempre co obxectivo de acadar unha mellora na súa eficiencia e produtividade. Nesta selección, os asesores tecnolóxicos primarán as solucións baseadas en software libre e titorizarán para a implantación de solucións TIC.

Este venres a 43 edición da LaconNetwork da man de AGASOL

43 edición da LaconNetwork AGASOLEste venres 27 de setembro celébrase a 43 edición da LaconNetwork no restaurante do Acuario da Coruña.

A LaconNetwork é unha xuntanza-comida organizada o último venres de cada mes co obxectivo de xuntar o tecido TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable, e desta volta chega da man da Asociación de empresas GAlegas de SOftware Libre baixo o lema: LaconNetwork e AGASOL ¿Algo especial?.

A LaconNetwork comezará ás 13:00 cunha presentación de AGASOL e os seus obxectivos que irá seguida dunha charla de Marcela Parga Fernandez, avogada coach en PARGA FERNANDEZ ASOCIADOS S.L. , vicepresidenta na Asociación de Empresarios de Sada e As Mariñas e experta en conciliación da vida laboral e persoal en Certificado EFR Empresa familiarmente Responsable.

Encontro de usuarios de Chamilo os días 17 e 18 de outubro en Madrid

O vindeiro mes de outubro vén cargadiño de encontros de proxectos de Software Libre. Así aos encontros de Zentyal en Zaragoza o 3 e 4 de outubro, da Drupal Camp en Cáceres o 26 e 27 de outubro e a GUADEC-es os días 18, 19 e 20 de outubro súmase o Encontro de usuarios de Chamilo os días 17 e 18 de outubro tamén en Madrid.

Así a Universidade Carlos III de Madrid acolle o Día do usuario de Chamilo, un sistema de xestión da aprendizaxe ou LMS que naceu no ano 2010 tomando como base a plataforma Dokeos, da man da Asociación sen ánimo de lucro Chamilo, e que a día de hoxe conta con máis de 6 millóns de usuarios en máis de 180 países de todo o mundo.

Asociación sen ánimo de lucro Chamilo organiza anualmente encontros de usuarios, coñecidos como Chamiluda (Chamilo Users Day) cunha dobre finalidade: estimular o intercambio de ideas e a creación de lazos entre os membros da súa comunidade, e achegar o proxecto a todas aquelas persoas que aínda non o coñecen.

Na web do Chamiluda 2013 pódese consultar xa o programa do encontro así como realizar a inscrición para asistir ao mesmo.

Cáceres acollerá a finais de outubro a Drupalcamp Spain 2013

Banner da Drupalcamp Spain 2013O Complexo Cultural San Francisco acollerá os días 26 e 27 de Outubro a Drupalcamp Spain 2013 en Cáceres, un congreso nacional de ámbito tecnolóxico organizado pola comunidade Drupal española e pensado para estudantes, profesionais e empresas de referencia no desenvolvemento web en España.

A Drupalcamp é un congreso ao que asisten relatores do máis alto nivel nacional e internacional, empresas de alto prestixio, programadores, deseñadores, xente interesada en atopar novas alternativas e novos talentos, en definitiva, o lugar onde aprender dos mellores e establecer relacións profesionais no mundo de Drupal. Nesta 4ª edición, o obxectivo é coñecer as últimas tendencias a través das máis de 40 charlas/relatorios técnicos organizadas, así como establecer relacións profesionais entre os distintos asistentes, relatores e empresas.

As Drupalcamp anteriores contaron con máis de 350 asistentes, máis de 40 relatorios e máis de 20 entidades colaboradoras e patrocinadores. Multitude de proxectos, colaboracións e oportunidades de emprego foron xestadas durante as Drupalcamp, xa que durante todo un fin de semana os asistentes teñen a oportunidade de coñecerse, non só durante o propio evento, senón nas actividades de networking como as comidas, ceas ou actividades que se organizan durante os 2 días.

Zentyal presentará a súa alternativa a Microsoft Active Directory e Exchange no Zentyal Summit 2013 en Zaragoza

Banner do Zentyal Summit 2013O Zentyal Summit 2013, a reunión anual de Zentyal, celebrarase os días 3 e 4 de Outubro en Zaragoza reunindo a fabricantes e partners de todo o mundo para coñecer cales son as últimas novidades sobre Zentyal e o sector das solucións de software libre para pemes, cun enfoque especial a como reemprazar de forma nativa solucións baseadas en Microsoft Active Directory e Exchange.

Zentyal busca prover ás pemes de solucións de infraestrutura de rede profesionais, robustas e seguras, que sexan á vez fáciles de usar e alcanzables. O servidor Zentyal representa por fin, logo de máis de 25 anos de monopolio, unha alternativa real a solucións Windows Server Active Directory.

En palabras de Ignacio Correas, CEO, Zentyal Que está pasando e por que é tan importante? Temos que entender que non só estamos rompendo o monopolio e ofrecendo unha alternativa totalmente compatible, senón que ao ser unha alternativa de código aberto estase rompendo o monopolio para sempre. Isto permite tamén retomar o camiño da innovación”.

Segundo a nota de prensa sobre o encontro, este terá un marcado carácter internacional, reunirá a máis de 300 asistentes de todos os continentes. Congregará aos actuais e potenciais Partners Autorizados de Zentyal, así como a clientes, membros da comunidade, usuarios do servidor Zentyal e personalidades destacadas no ámbito do software libre.

Guía de Solucións TIC en Software Libre para Profesionais Autónomos

Logotipos de FEAGA, AGASOL e CDTICO vindeiro mércores 18 de setembro de 10:30 a 12:30 horas a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA) fará a presentación pública da Guía de solucións TIC en Software Libre para profesionais autónomos.

A presentación terá lugar na sala de formación do Centro Demostrador TIC de Galicia e poderá tamén seguirse por videoconferencia nas aulas da rede CeMIT previa inscrición.

A Guía de solucións TIC en Software Libre para Autónomos, consiste nun conxunto de materiais didácticos elaborados por AGASOL, que estarán dispoñibles para a súa consulta e descarga en diversas webs, como no Repositorio Documental de Software Libre en mancomún, no CDTIC, AGASOL , FEAGA … Ademais estes materiais formativos serán complementados co asesoramento profesional personalizado que ofrecerá AGASOL en colaboración co CDTIC aos profesionais autónomos de Galicia.

Curso de iniciación ao software estatístico R

Cartel do curso de introdución a RA empresa Biostatech, spin-off de bioestatística da Universidade de Santiado de Compostela, organiza un curso de iniciación ao software estatístico R dirixido a profesionais e investigadores que requiran unha formación básica nesta ferramenta libre.

O curso terá lugar no Aulario Novoa Santos (aula 1), sito no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, durante os días 23, 24, 25 e 26 de setembro, en horario de 16:00 a 21:00 horas. O curso será impartido por Mónica López Ratón, licenciada en Matemáticas e Máster en Bioestatística pola USC, e contará con persoal de apoio para acadar unha formación completa e íntegra.

Nun total de 22 horas, 18 presenciais e 4 de traballos prácticos a través de plataforma web, presentarase de forma teórica e práctica un interesante programa a través do que o alumnado acadará as nocións básicas para poder empregar a potente ferramenta estatística R.

Pax. 20 de 53« Primeiro...10...1819202122...304050...Último »

Pin It on Pinterest