Actualidade

Un total de 585 resultado(s) para Educación

O Premio ao mellor proxecto de Fin de Carreira con Software Libre 2012 segue aberto a máis candidaturas

  • O prazo de presentación de candidaturas para o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre remata o 31 de outubro de 2012.
  • Ata 2300€ repartiranse en 3 categorías: 1º premio, accésit e mención especial Proxecto Trasno.

Premio ao mellor proxecto de fin de carreira con Software LibreO prazo de presentación de candidaturas á V edición do Premio ao mellor proxecto de Fin de Carreira con Software Libre, organizado pola AMTEGA, aínda está aberto ata o vindeiro 31 de outubro de 2012.

A el poden presentarse todos os proxectos de fin de carreira que presentados no Sistema Universitario Galego en calquera das convocatorias de defensa de proxectos nos anos académicos 2010-2011 e 2011-2012, incluídos polo tanto os da recente convocatoria de Setembro de 2012.

O premio está dotado con ata 2.300 euros a repartir en tres categorías; primeiro premio e accésit, concedidos pola empresa Igalia, e unha mención especial, que concederá a Asociación Cultural Trasno á promoción da lingua galega nas Tic ao proxecto en software libre no que se traduza, localice, internacionalice ou se difunda a lingua galega.

Ademais a empresa Igalia tamén ofrece un 10% de desconto adicional aos participantes neste premio que queiran cursar o Máster en Software Libre para o tamén continúa aberto o prazo de matriculación.

Os requisitos que deben cumprir os proxectos para seren admitidos ao premio son:

  • Ter sido realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
  • Ter publicado o software desenvolvido durante o PFC cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.

Todos os interesados en participar poden consultar a información na páxina do premio dentro do portal mancomún ou poñerse en contacto coa oficina de coordinación FLOSS da Xunta de Galicia.

A OSL do CIXUG estrea web

Logo da OSL do CIXUGComo vos vimos contando ultimamente, este é o primeiro ano que as tres universidades do Sistema Universitario Galego contan cunha única Oficina de Software Libre a través do CIXUG. Ata este ano, existía unha Oficina de Software Libre en cada universidade; a OSLUSC, Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela; a OSLUVi, Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo; e a Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña.

Nun paso adiante para centralizar os esforzos e o alcance da promoción do software libre no ámbito universitario, as tres universidades, a través do CIXUG e coa colaboración da Xunta de Galicia, crean a OSLUG, a Oficina de Software Libre das Universidades Galegas, para promocionar o software libre nas tres universidades. Isto sen dúbida permitirá coordinar de forma máis eficaz e efectiva as diversas actuacións de promoción do software libre no ámbito universitario que están recollidas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

Aínda que xa hai un par de meses a OSLUG comezou a súa andaina é agora cando por fin estrea web na rede no seguinte enderezo http://www.cixug.es/osl/oficina/. 

Nestes dous meses estivo principalmente planificando o traballo a realizar ata final de ano para cumprir cos obxectivos adeais de comezar de cheo con algunha de ditas actividades:

  • A presentación do servidor de réplicas do CIXUG
  • As xornadas de software libre na empresa na USC
  • A proposta de cursos que ofertará ao PAS da Uvigo
  • A colaboración na localización ao galego da versión 3.6.1 de LibreOffice
  • A colaboración na localización ao galego da versión 15 do Firefox

Segundo nos contan dende a propia OSLUG o portal é un sitio web moi sinxelo que forma parte do portal do CIXUG que polo momento nace cunha serie de seccións ás que se unirá máis adiante unha sección de novas. Agora mesmo podedes atopar información relevante da OSL como os datos de contacto e información relativa a parte dos proxectos que se van levar a cabo. Entre este podemos destacar

Curso sobre Libreoffice avanzado

Logo de GalponGALPon informa que vai impartir un curso/obradoiro sobre LibreOffice avanzado na Universidade de Vigo entre os días 8 de outubro e 26 de novembro.

O curso terá unha duración de 30 horas que se distribuirán os luns e mércores de 15:00 a 17:00 horas e celebrarase na E.S.E Telecomunicación. Lab. T 215 edificio novo.

Logo de libreofficeO obxectivo do curso é capacitar aos asistentes para traballar de forma avanzada con documentos ofimáticos nas súas tres principais variantes:
  • Procesador de texto co LibreOffice Writer.
  • Follas de cálculo co LibreOffice Calc.
  • Realización de presentacións co LibreOffice Impress.

A OSL do CIXUG presenta o seu novo servizo de mirror de proxectos libres

A Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, dependente do CIXUG, vén de poñer a punto un novo servidor de réplicas ftp, herdeiro do mesmo servizo ofrecido en anos anteriores dende a Universidade de A Coruña.

Captura do servizo de réplica da OSL do CIXUG

Un servidor de réplica ofrece copias sincronizadas dos proxectos orixinais, o que contribúe a reducir a carga dos servidores orixinais ao distribuír as descargas entre todos os servidores de réplica, segundo a proximidade de cada orixe de descargas. Isto é, calquera usuario que tente descargar dende Galicia un destes proxectos terá a oportunidade de facelo dende un servidor albergado na udc, coa vantaxe da proximidade e a capacidade do servizo.

O mantemento e evolución do servidor de réplicas, que se viña mantendo dende a UDC ata o pasado ano, é un dos proxectos que a OSL do CIXUG asumiu desenvolver durante este ano co obxectivo de fornecer á comunidade universitaria, e por extensión a toda a comunidade galega, un servizo de réplica actualizado e de referencia dos principais proxectos de software libre.

Xornadas de Software Libre e Empresa organizadas pola OSL do CIXUG

Cartel das xornadas de SwL e empresaA Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, dependente do CIXUG, organiza as I Xornadas de Software Libre na Empresa para o vindeiro venres 21 de setembro de 16:00 a 20:30 horas.

Estas xornadas, de carácter gratuíto, terán lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC sita no Campus Vida. A asistencia é libre, aínda que a organización agradece que todos aqueles interesados en asistir se inscriban a través do formulario habilitado aos efectos, para un mellor control do aforo e organización das xornadas.

Estas xornadas están especialmente dirixidas aos futuros profesionais das TIC da nosa comunidade, aínda que están abertas á participación do público en xeral. O obxectivo das mesmas é amosar aos asistentes que o Software Libre é unha aposta de calidade á hora de afrontar un proxecto empresarial así como as hai moitas oportunidades do mercado laboral para o profesional experto en software libre.

Formación sobre Writer e Ubuntu para PAS na Universidade de Vigo

Por primeira vez este ano, as tres universidades do Sistema Universitario Galego contan cunha única Oficina de Software Libre a través do CIXUG, o que permitirá coordinar de forma máis eficaz e efectiva as diversas actuacións de promoción do software libre no ámbito universitario que están recollidas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia.

Logotipo do CIXUG e as 3 Universidades do SUG

Se en semanas anteriores dabamos conta da colaboración do persoal desta oficina co Proxecto Trasno na tradución de software libre ao galego como Firefox e LibreOffice, desta volta facémonos eco do inicio das primeiras actuacións formativas das que a OSL ten previsto realizar neste último cuadrimestre do ano.

Así. a proposta do CIXUG e concretamente a través da OSL, a Universidade de Vigo anuncia a convocatoria de dous cursos de formación para PAS co obxectivo de fomentar a adquisición de competencias profesionais e facilitar a migración dos servizos universitarios ao ecosistema do software libre. Concretamente ofrécense dous cursos, que serán impartidos polos técnicos da OSL:

  • Curso de Writer, procesador avanzado de textos da suite LibreOffice, unha alternativa a Word
  • Curso Primeiros pasos coa distribución de GNU/LINUX da Universidade (UBUNTU)

A UDC acollerá a I edición Europea do ERLANG Camp en Outubro

Cartel do Erlang Camp Coruña 2012Segundo nos informan dende a organización do evento, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá os vindeiros días 5 e 6 de outubro a primeira edición Europea do ERLANG CAMP Coruña 2012, un evento formativo de orientación práctica e formato intensivo que ofrece aos asistentes contacto directo con expertos mundiais na tecnoloxía emerxente Erlang/OTP.

Erlang/OTP é unha tecnoloxía innovadora cunha crecente demanda na industria do software, empregada actualmente por moitas e moi coñecidas empresas do sector a nivel internacional, con exemplos como Amazon, Facebook, Yahoo!, Motorola, Ericsson ou Nokia, e tamén nacional, como Tuenti. Erlang/OTP distribúese cunha licenza Erlang Public License (EPL) derivada da Mozilla Public License (MPL).

Os participantes no ERLANG CAMP Coruña 2012 terán a oportunidade de coñecer e empregar as potentes características de Erlang/OTP durante os dous días de duración do evento: concorrencia, tolerancia a fallos, distribución,… da man de expertos como Martin Logan (Orbitz Worldwide, coautor do libro “Erlang and OTP in action”), Eric Merrit (Sinan, coautor do libro “Erlang and OTP in action”), e Jordan Wilberding (Universidade de Georgetown).

Xornadas abertas do Máster en Software Libre de Igalia

Máster en Desenvolvemento e Xestión de Proxectos de Software LibreIgalia en colaboración coa Universidade Rey Juan Carlos, organizan en Galicia desde o ano 2007 o Máster en Desenvolvemento e Xestión de Proxectos en Software Libre.

O máster é un título propio da Universidade Rei Juan Carlos cunha metodoloxía eminentemente práctica, dirixido a recentemente titulados e profesionais TIC que desexen mellorar as súas capacidades para xestionar, analizar e colaborar en proxectos internacionais de software libre.

Como colofón á actual edición e como antesala da VI edición do Máster en desenvolvemento e xestión de proxectos de Software Libre, cuxo prazo de inscrición continúa aberto, e continuando a senda iniciada en anos anteriores, organizamos unha vez máis unas xornadas abertas sobre diferentes temas relacionados co software libre, que terán lugar en setembro na cidade de Vigo.

Estas xornadas divulgativas son totalmente gratuítas e están abertas ao público en xeral. O obxectivo non é outro que servir de punto de encontro de antigos e novos alumnos, como foro de intercambio para profesionais do sector e simpatizantes do mundo do software libre, en resumo, como foro de divulgación técnica sobre Software Libre, tendencias e negocio.

Celebraranse as 3 últimas fins de semana do mes de Setembro na aula de novas tecnoloxías nº2 do Centro Social Novacaixagalicia, na rúa Policarpo Sanz número 24-26 de Vigo. Do mesmo xeito que as clases do Máster, para facilitar a asistencia ao público profesional con obrigacións laborais, as sesións terán lugar os venres pola tarde de 16:00 a 21:00 horas e os sábados pola mañá, de 9:00 a 14:00 horas sendo posible inscribirse ás xornadas completas ou a sesións individuais.

O programa nesta ocasión conta coa participación de importantes actores do software libre en Galicia, tratando de achegarse a este ámbito desde distintas perspectivas:

  • Modelos de negocio e perspectivas laborais en torno ao Software Libre en Galicia, e desde Galicia para o mundo.
  • Seminarios técnicos sobre temas e tecnoloxías de actualidade como Big Data e Interactivity, Augmented Reality and Human-computer interaction, impartidos por profesores do Máster.
  • Distribucións GNU/Linux “Made in Galicia”. Diferentes aproximacións para diferentes necesidades.

Novas contribucións do Proxecto Trasno á lingua galega

  • O proxecto Trasno leva asentados case 200 termos no ámbito das novas tecnoloxías nos últimos dous anos.
  • O volume actual das memorias de tradución do Proxecto Trasno ascende a 6.926.359 de palabras o que equivale aproximadamente a un valor de mercado de 500.000€.
  • O proxecto Trasno outorgará a "Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC" no Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre

Logotipo de TrasnoA estas alturas o proxecto Trasno non debería precisar de presentacións, mais para os despistados, destacar que se trata dunha comunidade aberta de voluntarios que se adican á tradución de software libre ao galego. Esta comunidade leva activa e en pé dende o ano 1999 e abrangue aos grupos de tradución ao galego dos principais proxectos de software libre. O obxectivo final dos membros deste proxecto é de prover aos galegofalantes de sistemas operativos e aplicativos informáticos completamente na nosa lingua na mellor calidade posíbel.

Para acadar este obxectivo, ademais da espectacular labor que levan a cabo de xeito totalmente altruísta, traducindo á nosa lingua os principais aplicativos de software libre, prestan unha moi especial atención á calidade das traducións e ao desenvolvemento de ferramentas de axuda á tradución. Desta volta resaltamos o traballo realizado nos últimos tempos no campo da terminoloxía e das memorias de tradución.

Así mesmo lembramos que Trasno participa este ano na V edición do "Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira (PFC) con Software Libre (SwL)" outorgando a "Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC", valorada en 800€, co obxectivo de incentivar o desenvolvemento de software libre orientado á creación e mellora de ferramentas para o apoio da localización de software libre ao galego.

22 entidades sen arela de lucro reciben equipos informáticos reciclados con Sofware Libre doados pola Uvigo

Logotipo da distribución MiniNoO Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo, Gruvi coa coordinación da asociación GALPon, encargáronse de reciclar e actualizar con software libre equipos informáticos en desuso e obsoletos para o traballo diario na propia universidade. Deste labor beneficiáronse ata 22 entidades sen arela de lucro, entre as que se atopan a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares, ANPA Valentín Paz Andrade, Asociación de Veciños de Ventosela, Comité Universitario do campus de Ourense, Cáritas Interparroquial de Arousa…

O Gruvi, é un programa de voluntariado que xorde no ano 2005 como unha resposta ante o problema de acumulación de residuos informáticos, aproveitables en moitos casos, nos distintos centros da Universidade de Vigo, o que ademais de supoñer un problema ecolóxico, é tamén unha grande inxustiza social. No proxecto GRUVI colaboran a OSIX, a OMA (Oficina de Medio Ambiente) e a Asociación GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra)

GALPon, é a encargada de instalar software libre nos equipos xa preparados para doar. Concretamente instálalles GALPon MiniNo e PicarOS, as dúas distribucións orientadas a equipos antigos e con poucos recursos que desenvolve GALPon. Así mesmo, encárganse de formar aos voluntarios do GRUVI e de ofrecer asistencia técnica ás entidades que reciben os equipamentos en canto ao uso e mantemento do software.

Pax. 20 de 59« Primeiro...10...1819202122...304050...Último »

Pin It on Pinterest