A Xunta impulsará o software libre en Galicia potenciando a súa implantación en pemes e universidades
A secretaria de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presidiu hoxe unha xuntanza coas tres universidades, o CESGA e as empresas do sector para avaliar o progreso do software libre na nosa comunidade e estabelecer novas liñas de actuación a prol do desenvolvemento deste.
A secretaria manifestou, no encontro que tivo lugar na sede do CESGA, que o Goberno galego impulsará a implantación do software libre en toda a nosa comunidade, especialmente, en áreas como as pemes ou a través de liñas de colaboración coa Universidade ou centros de investigación, para potenciar a súa aplicación aos sectores produtivos e estratéxicos de Galicia.
“O que demanda a sociedade, o empresariado e o empregado público son solucións que lle fagan a vida e o traballo máis doado e, no caso das empresas, que incrementen a súa competitividade”, observou Pereira. “O software libre ten un interesante potencial para crear modelos de negocio, de contratación de servizos tecnolóxicos, o que dinamiza o sector TIC local”, apuntou. A secretaria avogou por manter un contacto directo e continuo con todos os axentes: empresariado, institucións e as comunidades de desenvolvemento de software libre “clave”, dixo, para orientar axeitadamente as políticas tecnolóxicas e facelo partícipe das mesmas.