Actualidade

Un total de 556 resultado(s) para Empresa

Oito de cada dez empresas galegas empregan software libre, 10 puntos máis que hai un ano

  • Por primeira vez iguálase o uso do software de fontes abertas entre as empresas do sector tecnolóxico e o resto de sectores.
  • As aplicacións libres máis empregadas nos ordenadores seguen a ser os navegadores e a ofimática.
  • Por primeira vez a porcentaxe de empresas TIC con servidores con sistemas operativos libres é superior ás que os empregan privativos.
  • O produto libre máis ofrecido continúa a ser o software para E-commerce xunto coas solucións de e-learning, de xestión de contidos de portais e páxinas web e servidores web.

Oito de cada dez empresas de Galicia con 10 ou máis empregados empregan software libre, o que supón un crecemento de 10,6 puntos porcentuais respecto ao ano anterior. Por primeira vez o uso de software libre nas empresas sitúase no mesmo nivel que nas empresas do sector TIC galego onde o empregan o 84,7%. No que respecta ás empresas con menos de 10 empregados, algo máis da metade usan software libre, o que supón un incremento de 6,9 puntos respecto do ano anterior.

Son datos recollidos nos informes sobre o nivel de implantación do “Software Libre nas pequenas e medianas empresas de Galicia” e do “Software Libre nas empresas informáticas de Galicia” correspondentes ao ano 2014 elaborados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega).

Os axentes galegos do Software Libre colaboran coa Amtega en preto do 30% das acción do plan de Software Libre da Xunta de 2015

  • A Amtega asinou hoxe coas universidades e asociacións de empresas e usuarios de software libre os convenios para o desenvolvemento de 26 das 95 accións do Plan de Software Libre 2015 da Administración autonómica.
  • A Xunta iniciou xa a migración a software libre de 1.500 postos de traballo de empregados públicos
  • Aposta polas ferramentas de software libre en proxectos de calado para a Administración como o Arquivo Electrónico Administrativo (ARPAD) ou o sistema de rexistro único da Xunta de Galicia (AIRES)
  • Incorporará ao Centro Demostrador TIC Virtual dúas novas solucións libres que as pemes galegas poderán probar de balde

Sinatura dos Convenios de colaboración con AGUSL, CIXUG e AGASOL

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, asinou esta mañá os convenios de colaboración cos axentes galegos do Software Libre, aos que trasladou as liñas de acción do Plan de Software Libre 2015, no que participan con 26 das 95 actividades previstas.

Un ano máis a Amtega colaborará co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas; coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); e coas seis Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía. As AGUSL que participan nesta iniciativa son GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa, Asociación Cultural Proxecto Trasno e XeoPesca.

Curso práctico de programación e adaptación de Prestashop

Logo do CPEIGO CPEIG organiza un Curso Práctico de Programación e Adaptación de Prestashop, dirixido a desenvolvedores web que queiran capacitarse no uso de Prestashop para implementar proxectos web complexos de comercio electrónico. O curso celebrarase do 25 ao 28 de maio en horario de tarde, de 16:00 a 20:30 horas.

Prestashop é un dos xestores de tendas de comercio electrónico máis empregados na actualidade. Está programado en PHP e conta coa posibilidade de configurar diferentes plantillas, módulos e extensións.

Este curso formativo consta dunha duración de 18 horas presenciais, divididas en 4 sesións de 4:30 horas cada unha. Seguirá unha metodoloxía da acción formativa totalmente práctica, onde o alumnado, desde a primeira lección, creará e modificará un portal a través dos exercicios propostos. O curso ten prazas limitadas, ofertándose un total de 20 prazas.vogal4@cpeig.org.

Xeopesca participará na primeira xornada demostrativa do Proxecto Stamar

Cartel do programa da XornadaO vindeiro mércores 6 de maio, de 10:00 a 15:30 horas, terá lugar a primeira xornada demostrativa do proxecto Stamar, na que se presentarán diversas solucións tecnolóxicas relacionadas coa xestión pesqueira. Esta xornada celebrarase no Centro Demostrador TIC de Galicia.

Concretamente, neste primeiro encontro presentarase o catálogo BAT (Best Avaliable Technologies), unha preselección rexional das mellores tecnoloxías, que será posta a disposición das empresas do sector e demais axentes implicados.

Entre estas tecnoloxías que se van presentar, destacamos a presenza do proxecto Xeopesca, proxecto galego con licenza libre e gañador de diversos premios e recoñecementos.

O CNTG organiza un seminario de securización de servizos habituais en contornos GNU/Linux

Logo do CNTGMañá martes 24 de marzo, de 16:30 a 20:30 horas, o CNTG acolle nas súas instalacións un seminario sobre seguridade en Linux aplicada a securización de determinados servizos de uso cotián: Securización de servizos habituais en contornas GNU/Linux.

O obxectivo deste seminario consiste en explicar e trasladar aos asistentes a securización dos servizos máis habituais dunha contorna Linux con especial fincapé naqueles asociados a Internet: firewalls (iptables & tcpwrappers), sistemas de detección de intrusos (IDS), securización web e GPG básico (xestión de credenciais de acceso, cifrado de información sensible …)

A xornada vai dirixida preferentemente a administradores/as e técnicos/as de sistemas e, en xeral, profesionais con coñecementos previos do sistema operativo Linux con interese na temática de seguridade .

Seminario de xestión avanzada de WordPress no CDTIC

O CDTIC organiza un novo obradoiro de formación sobre sistemas de xestión de contidos con licenza libre, desta volta trátase do seminario “Xestión avanzada de WordPress”. Terá lugar o próximo xoves 26 de Marzo, de 16:00 a 20:00 horas nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela.

Banner do seminario de Wordpress

O seminario está fundamentalmente dirixido a profesionais das TIC, responsables da xestión web da empresa, autónomos etc. que queiran crear unha páxina web en WordPress ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións

Os asistentes profundarán na utilización e configuración de WordPress con características avanzadas do sistema. Contarán cun equipo informático para pór en práctica os conceptos e as ferramentas descritas na clase.

O seminario será impartido por D. David Arias Vázquez, responsable de desenvolvemento de software en Ingenyus, Marketing Inteligente S.L.

Xornada divulgativa sobre a aplicación Xeshostal no CDTIC o mércores 11 de Marzo

  • Trátase dunha ferramenta pioneira, creada pola Axencia de Turismo, para mellorar a xestión dos pequenos aloxamentos turísticos.
  • Xeshostal está dispoñible no CDTIC Virtual, un servizo permite ás empresas a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube.

O CDTIC acolle, este mercores 11 de marzo, unha sesión demostradora sobre Xeshostal, un software para a xestión hoteleira, desenvolvido pola Axencia de Turismo da Xunta e liberado no Repositorio de Software Libre de Galicia en colaboracion coa Amtega.
Banner da xornada de demostración de Xeshostal
Na  xornada, que se desenvolverá en horario de 16.30 a 18.00 horas, amosarase o funcionamento da aplicación Xeshostal, unha ferramenta deseñada para que os pequenos establecementos hoteleiros poidan xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes. Así mesmo, permite fixar e modificar os prezos dos cuartos en función das súas características e obter informes de xestión e planificación semanais ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación etc.   

Esta sesión está destinada a profesionais do sector turístico, principalmente os do sector hoteleiro. A demostración correrá a cargo de Antón Macías de Miguel, enxeñeiro en Informática de Sistemas cunha longa experiencia como programador tanto no sector público coma no privado, e con experiencia no mantemento do aplicativo Xeshostal.

Curso Online sobre Xestión de Tendas Virtuais empregando Prestashop

Cartel do curso de prestashopA Aula TIC Pemes da USC oferta a VII Edición do curso online de Xestión de Tendas Virtuais baseado na ferramenta de software libre Prestashop. O obxectivo do mesmo é capacitar ao alumnado para ser quen de poñer en marcha unha tenda virtual, personalizala e xestionala de forma económica, de forma que introducirse no comercio electrónico non supoña un problema para as pequenas empresas e autónomos.

Trátase dun curso práctico e 100% online cunha duración de 50 horas. O curso celebrarase entre o 20 de febreiro e o 27 de marzo a través da plataforma en liña da Aula TIC.

O prezo xeral ascende a 50 euros, mentres que para os alumnos e ex-alumnos da Universidade de Santiago de Compostela o prezo ascende a 25 euros. Tamén existen descontos para grupos de máis de 5 persoas. Aqueles participantes que finalicen satisfactoriamente o taller recibirán un diploma acreditativo da Aula TIC PEMEs da USC.

As empresas Balidea e Frutos secos El Nogal fálannos da súa experiencia na implantación de OpenERP/Odoo

  • Balidea e Frutos secos El Nogal, da man dos seus provedores Pexego e Anubía, son dous casos de éxito de uso da solución de xestión empresarial Odoo (OpenERP).
  • Modularidade, adaptabilidade e escalabilidade son os aspectos destacados de Odoo (OpenERP) por parte de clientes e provedores.
  • O Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia é o punto de referencia para identificar solucións tecnolóxicas e provedores en Galicia é fonte de  información para a elaboración destes artigos de difusión tecnolóxica.

Odoo (anteriormente coñecido como OpenERP) é a solución escollida para o segundo artigo de difusión tecnolóxica publicado hoxe no portal: Solucións de planificación e xestión dos recursos empresarias (ERP) con Software Libre: Odoo/OpenERP.

Odoo, coñecida como OpenERP ata o pasado ano, naceu como unha solución libre para a xestión empresarial, aínda que co paso do tempo foi evolucionando e adaptándose ás novas necesidades dos seus usuarios, converténdose hoxe en día nunha completa suite de aplicacións de negocio.

Logo de El NogalLogo de BalideaFalamos con Frutos secos el Nogal e Balidea que actualmente están empregando Odoo. 

Logo de PexegoLogo de AnubíaFalamos tamén cos seus respectivos provedores, Pexego e Anubía, que achegan a súa experiencia como partners experimentados na implantación e desenvolvemento de Odoo.

A Coruña acollerá a Open Source Conference en Maio

Logo da conferenciaSegundo nos informan dende a organización, A Coruña acollerá a Open Source Conference ’15 que pretende cubrir o oco deixado pola Open Source World Conference no ano 2012 cando se celebrou por última vez na cidade de Granada.

Esta conferencia, que chega da man de Grupo Barrán SL, conta entre os seus obxectivos servir de punto de encontro entre profesionais do sector TIC, e en particular no eido do software libre.

Ademais, segundo a información xa dispoñible no portal web do evento, haberá un espazo adicado aos emprendedores TIC, que poderán expoñer os seus proxectos ante inversores que poidan estar interesados en apoialos, así como relacionarse con profesionais experimentados que lles poidan asesorar e guiar nos comezos das súas iniciativas empresariais. Finalmente tampouco se esquecen dos usuarios de software libre, que terán tamén o seu espazo para coñecer as vantaxes do software libre, as novidades do sector e aos profesionais que traballan en torno a el. 

Pax. 18 de 56« Primeiro...10...1617181920...304050...Último »

Pin It on Pinterest