Actualidade

Un total de 143 resultado(s) para Administración pública

O Concello de Lugo celebra o Día de Internet con computadores preinstalados con Galinux

A iniciativa enmarcada no programa "Eu Conecto" promoverá o uso de aplicativos libres, entre outras actividades

Día de InternetA Concellería de Servizos Xerais de Lugo organiza mañá, día 14 de maio, o programa de actividades previsto na cidade con motivo da celebración do Día Mundial de Internet o vindeiro 17 de maio -coincidente por outra banda, coa celebración do Día das Letras Galegas na nosa terra.

Mancomún colaborará coa iniciativa local achegando o seu completo sistema operativo libre, Galinux, que será preinstalado en todos os equipos habilitados para a realización dos obradoiros. Asemade, distribuiranse gratuitamente exemplares do Galinux entre todos os participantes na xornada.

A cita terá lugar na planta baixa da Praza de Abastos de Lugo entre as dez da mañá e as oito do serán, horas nas que se sucederán os obradoiros previstos: Facebook, You Tube, Skype e Google. Ademais, haberá actividades paralelas como a exposición A Historia de Internet, que constará de 16 paneis con imaxes e textos explicativos, desde os anos 50 ata a actualidade, narrando a historia da rede de redes a nivel mundial. Por outra banda, haberá un espazo de ocio con dúas zonas de xogo e todos os participantes entrarán no sorteo dun computador.

A empresa galega SIXTEMA desenvolve o Noticiario Ornitoxeográfico da Sociedade Galega de Ornitoloxía

O pasado día 25 de abril, a Sociedade Galega de Ornitoloxía  presentou o Noticiario Ornitoxeográfico Galego, un Sistema de Información Xeográfica (SIX) para o avistamento de aves, desenvolvido pola empresa galega Sixtema. A principal novidade que achega esta ferramenta é a aplicación dos SIX ao campo da ornitoloxía co valor engadido de facelo empregando software libre adaptado por unha empresa galega.

Noticiario ornitolóxico

No acto de presentación, o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou o interese xeral deste tipo de ferramentas, que permiten achegarse a un elevado número de usuarios, e serven para difundir a riqueza ambiental e de biodiversidade coa que conta a comunidade galega.

Mancomún promoverá o uso do galego no eido das novas tecnoloxías na cidade da Coruña

A campaña “O galego medra contigo” habilitará un espazo expositivo dedicado ás novas tecnoloxías, no que o protagonista será o Galinux

Mancomún promoverá o uso do galego nas novas tecnoloxías no marco da campaña “O galego medra contigo”, que arranca este sábado día 2 no Concello da Coruña. Esta actividade, organizada pola Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña, busca promocionar o uso da lingua galega nos distintos ámbitos socioculturais cunha carpa móbil que percorrerá diferentes barrios da cidade herculina durante o mes de maio e comezos de xuño, con motivo das celebracións do Día das Letras Galegas.

A iniciativa despregará un amplo programa de actividades, onde se mesturarán xogos, música e monicreques para os máis pequenos, con espazos expositivos de materiais en galego procedentes dos campos máis diversos, entre eles, o das novas tecnoloxías.

Esta sección tecnolóxica correrá a cargo de Mancomún, quen achegará todo o seu material promocional do sistema operativo libre e en galego, Galinux, así como uns 1.000 exemplares deste para a súa distribución gratuíta entre os asistentes. Aínda que o Galinux foi escollido neste ocasión como o produto máis adecuado para exemplificar o uso do galego nas novas tecnoloxías, son moitos outros os proxectos que Mancomún está a desenvolver no campo da localización e, concretamente, na promoción do uso galego nun eido como é o da innovación tecnolóxica: Manual de Localización, glosario de termos, coordinación da tradución de diversos aplicativos libres (OpenOffice.org, aplicativos Mozilla…)

Pax. 15 de 15« Primeiro...1112131415

Pin It on Pinterest