Os axentes galegos do Software Libre colaboran coa Amtega en máis do 42% das accións do plan da Xunta, que este ano migrará a software libre ofimático preto de 1000 ordenadores
- A Amtega asinou hoxe coas universidades e asociacións de empresas e usuarios de software libre os convenios para o desenvolvemento de 34 das 80 accións do Plan de Software Libre 2014 da Administración autonómica
- Migrarase o sistema de xestión da rede de bibliotecas públicas á solución libre e actualizarase a rede de portais da área de cultura e bibliotecas, empregando solucións de fontes abertas
- Porase en funcionamento o Centro Demostrador TIC virtual de solucións libres para que as empresas poidan probar dende internet ferramentas libres para a mellora da súa produtividade
- A Oficina de Software Libre das tres Universidades avaliará a implantación nas súas aulas do sistema de xestión empregado na rede CeMIT da Xunta que é 100% software libre
A Xunta abordará no último trimestre deste ano o Plan de migración a software libre ofimático en preto de 1.000 ordenadores dos empregados da Administración Xeral. Así o indicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, tras asinar esta mañá os convenios de colaboración cos axentes galegos do Software Libre galego, aos que trasladou as liñas de acción do Plan de Software Libre 2014, no que participan con 34 das 80 actividades previstas.
Un ano máis a Amtega colaborará co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas; coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); e con cinco Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía. As AGUSL que participan nesta iniciativa son GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Asociación Cultural Proxecto Trasno.