Actualidade

Un total de 566 resultado(s) para Educación

Remata o prazo de inscrición para a formación en bases de datos NoSQL e MongoDB no CNTG

Logotipo de MongoBD

Como xa informamos o pasado mes, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) incorpora por primeira vez na súa oferta formativa formación sobre bases de datos NoSQL e MongoDB:

O 25 de setembro finaliza o prazo para inscribirse no curso “Administración e desenvolvemento de bases de datos MongoDB”, que inclúe a posibilidade de realizar, ao finalizar o mesmo, dous exames de certificación: MongoDB certified DBA associate e MongoDB certified developer.

Aquelas persoas que non teñan claro se é un curso do seu interese, poderán tirar proveito do seminario técnico sobre bases de datos NoSQL e MongoDB, do vindeiro día 23 de setembro. É posible inscribirse neste seminario ata o día 22, estando limitada a asistencia sen inscrición á dispoñibilidade de aforo.

Seminario técnico sobre bases de datos NoSQL e MongoDB

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) organiza para o vindeiro martes 23 de setembro un seminario técnico sobre bases de datos NoSQL e MongoDB.

Banner do portal de MonogoDB

O obxectivo do seminario é dar a coñecer ao público asistente as características técnicas, potencialidade e usos das bases de datos NoSQL, centrándose fundamentalmente en MongoDB, unha base de datos NoSQL orientada a documentos, multiplataforma, open source e gratuíta cunha estreita relación co concepto de Big Data.

O seminario celebrarase en horario de mañá, de 9:30 a 13:30 horas, no salón de actos do propio CNTG, e correrá a cargo de Sergio Rodríguez, director de formación da empresa Core Networks e instrutor oficial de Cloudera, con varias certificacións Hadoop e colaborador habitual en xornadas sobre Big Data.

Novos cursos de Software Libre no CNTG: LPIC, MongoDB e Seguridade

Logo de LPILogo de MongoDBHoxe abre o prazo de inscrición para anotarse aos primeiros cursos do avance da programación do último cuadrimestre do ano do CNTG. Estes cursos comezarán a impartirse nos meses de setembro e outubro.

O Software Libre ten unha forte presencia neste avance de programación, con importantes novidades.

Así increméntanse o número de prazas para os cursos de LPIC1 e Seguridade baseada en software libre, duplicando tamén o número de horas neste último e finalmente incorpóranse cursos oficias sobre MongoDB.

Administración e desenvolvemento de bases de datos MongoDB

Como novidade, o CNTG incorpora á súa grella formativa cursos oficiais de MongoDB, base de datos orientada a dar resposta ao tratamento de datos estruturados e non estruturadas e cunha estreita relación co concepto de Big Data.

Ofertaranse un total de 40 prazas en dúas edicións de “Administración e desenvolvemento de bases de datos MongoDB”, e os/as asistentes poderán realizar de balde dous exames de certificación: MongoDB certified DBA associate e MongoDB certified developer.

Aberto o prazo para enviar propostas para as XIII Xornadas Libres de GPUL

Logo de GpulA XIII edición das Xornadas Libres de GPUL comezan xa a quecer motores un ano máis. Así, a semana pasada a organización abría o prazo para a remisión de propostas de participación nestas senlleiras xornadas de fomento da cultura libre en xeral aínda que cun maior énfase no Software e o Hardware Libre.

Para os que aínda non as coñezan, estas xornadas caracterízanse por contar cunha serie de charlas, obradoiros e concursos con contidos do máis heteroxéneo, pero sempre xirando arredor do mundo do software e o hardware libre, os estándares abertos, as licenzas, e a cultura libre en xeral.

Este ano as XIII Xornadas Libres de GPUL celebraranse os días 8, 9 e 10 de outubro na Facultade de Informática da UDC. Pódense enviar propostas ata o día 8 de setembro.

MiniNo, a alternativa galega a Windows XP, prepara xa súa nova versión

Orla dos desenvolvedores asistentes á IV MiniNo DevconfOs desenvolvedores de MiniNo volveron manter esta pasado fin de semana a súa reunión anual, a IV MiniNo Devconf. Nesta reunión, entre outras cousas, ultimaron os detalles que faltaban por pulir e publicaron a MiniNo Ártabros 2.1 RC, o que quere dicir que se non se detectan fallos podería converterse na versión definitiva, que agardan poder publicar non máis alá de finais de Agosto ou primeira semana de Setembro.

Para quen aínda non a coñeza, GALPon MiniNo é unha distribución GNU/Linux, baseada en Debian, que ten por obxectivo dar solución a computadores moi antigos e con moi poucos recursos. Naceu no ano 2008, e a última versión a 2.0 foi publicada hai case dous anos, e conta xa con máis de 14.000 descargas, sendo case 6.000 correspondentes ao primeiro semestre de 2014.

Así pois, case dous anos despois da publicación da versión 2.0, o equipo considerou que era un bo momento de revisar e modernizar esta distribución que está espertando tamén moito interese como alternativa para migrar equipos antigos que ata o de agora tiñan Windows XP, que xa non conta con soporte.

Curso de Cloud Computing con software libre

Logo de openstackLogo de openshift origin

Os profesores de informática de FP da provincia de Cádiz están recibindo un curso de “Fundamentos de Cloud Computing con OpenStack e OpenShift”, ambas solucións con licenza libre.

Os materiais deste curso están dispoñibles tamén con licenza libre polo que pode ser consultado e seguido por calquera. Ademais o curso inclúe a realización de 4 webminars en directo a través de Google Hangout, dos que xa se emitiron os 3 primeiros estando programado o próximo 28 de maio.

O curso está orientado a coñecer as principais características do cloud computing, mediante a utilización dunha nube privada de infraestrutura con OpenStack e unha nube pública de plataforma con OpenShift, ambos solucións con licenza libre.

Unha boa oportunidade para empresas interesadas en ofrecer servizos de computación na nube, ou en despregar unha nube privada, ou para docentes interesados en poñerse ao día no uso destas tecnoloxías cada vez con maior demanda.

Cloud computing. Tipos de nubes

O Cloud computing ou computación na nube consiste nun novo modelo de prestación de servizos tecnolóxicos a través da rede, o que permite empregar ditos servizos sen depender da dispoñibilidade e uso das propias infraestruturas e recursos tic da empresa.

Galicia sitúase como a segunda comunidade coas universidades máis comprometida co Software Libre

Se o mes pasado informabamos de que as nosas empresas de 10 ou máis asalariados situaban a Galicia no primeiro posto das Comunidades Autónomas no uso de software libre, hoxe son as nosas universidades as que volven situar Galicia nos postos máis altos do Ranking de Universidades en Software Libre (RUSL).

Mapa da clasificación das 10 primeiras universidades do RUSL

Por terceiro ano consecutivo, é a Universidade de Granada quen lidera este clasificación. As 3 universidades galegas mantéñense no top 10, ocupando a Universidade da Coruña o 4º posto, a Universidade de Santiago de Compostela o 6º posto e a Universidade de Vigo o 10º posto. Este bo posicionamento das noas universidades manteñen a Galicia na segunda comunidade autónoma neste ranking, por detrás só das Illas Canarias.

O Ranking de Universidades en Software Libre, é elaborado dende o ano 2012 polo Observatorio Tecnolóxico de PortalProgramas.com e ten por obxectivo medir o compromiso das universidades españolas co software libre. Na edición do RUSL 2014, analizáronse un total de 65 criterios, agrupados en 11 dimensións nun total de 76 universidades españolas, tanto públicas como privadas.

A Amtega convoca a VII edición do Premio ao mellor proxecto de fin de carreira en software libre

  • O premio ten unha dotación económica de 2.250 euros grazas á achega do CIXUG e a asociación universitaria GPUL
  • Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado Universitario nalgunha das convocatorias do curso 2013-2014
  • O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 30 de setembro

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca o Premio ao Mellor Proxecto de Fin de Carreira con Licenza Libre, que vai xa pola súa VII edición. A principal novidade deste ano é a súa adaptación aos novos plans formativos universitarios, ampliando a convocatoria aos traballos de fin de grao e de fin de mestrado universitario e mantendo a posibilidade de presentarse aos proxectos de fin de carreira das antigas titulacións de Enxeñería e Enxeñería Técnica.

Banner do PFC 2014

Premios

O Premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e a posibilidade de outorgar un accésit de 750€, se o xurado o considera adecuado pola calidade dos proxectos presentados. Os patrocinadores desta edición son o CIXUG, cunha achega de 1.500€ e a asociación GPUL cunha achega de 750€, ambos ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.

A rede CeMIT impartirá despois do verán os cursos do plan ofimático de Galicia e realizará as probas para obter o certificado Codix

Esta semana publicouse no DOG a orde que autoriza á Rede de Centros para Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) a ofrecer o itinerario formativo do Plan Oficmático de Galicia así como a realizar as probas de avaliación para a obtención do Codix, certificado de competencias dixitais en ofimática, que emite a Amtega, e que acredita a formación neste materia da persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada.

A partir de setembro a Rede CeMIT incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade, concretamente na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice:

  • Sistema operativo, búsqueda da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Os axentes galegos do Software Libre colaboran coa Amtega en máis do 42% das accións do plan da Xunta, que este ano migrará a software libre ofimático preto de 1000 ordenadores

  • A Amtega asinou hoxe coas universidades e asociacións de empresas e usuarios de software libre os convenios para o desenvolvemento de 34 das 80 accións do Plan de Software Libre 2014 da Administración autonómica
  • Migrarase o sistema de xestión da rede de bibliotecas públicas á solución libre e actualizarase a rede de portais da área de cultura e bibliotecas, empregando solucións de fontes abertas
  • Porase en funcionamento o Centro Demostrador TIC virtual de solucións libres para que as empresas poidan probar dende internet ferramentas libres para a mellora da súa produtividade
  • A Oficina de Software Libre das tres Universidades avaliará a implantación nas súas aulas do sistema de xestión empregado na rede CeMIT da Xunta que é 100% software libre

Foto da presentación do Plan de Software Libre 2014A Xunta abordará no último trimestre deste ano o Plan de migración a software libre ofimático en preto de 1.000 ordenadores dos empregados da Administración Xeral. Así o indicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, tras asinar esta mañá os convenios de colaboración cos axentes galegos do Software Libre galego, aos que trasladou as liñas de acción do Plan de Software Libre 2014, no que participan con 34 das 80 actividades previstas.

Un ano máis a Amtega colaborará co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas; coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); e con cinco Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía. As AGUSL que participan nesta iniciativa son GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Asociación Cultural Proxecto Trasno.

Pax. 10 de 57« Primeiro...89101112...203040...Último »

Pin It on Pinterest