• Empresas e autónomos terán a súa disposición un entorno para coñecer e avaliar as solucións TIC existentes para as súas necesidades
  • A primeira aplicación dispoñible é Owncloud, unha solución libre que permite dispoñer de almacenamento de ficheiros e aplicacións en liña

Esta mañá, a directora da Amtega, Mar Pereira, acompañada do presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, e presidente da Federación de Autónomos de Galicia (Feaga), Francisco Javier Pérez Bello, presentou os novos servizos do Centro Demostrador TIC dirixidos ás Pemes e autónomos co obxectivo de que poidan acceder máis facilmente á oferta tecnolóxica que existe no mercado.

Imaxe da presentación dos novos servizos do CDTIC

Entre estes novos servizos, destacamos o CDTIC Virtual. Trátase dun servizo a través do que ser porá a disposición de empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres aloxadas na nube. A primeira aplicación dispoñible é Owncloud.
Owncloud, é unha solución libre que permite dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube (cloud computing) destinada principalmente a pemes e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas presentes no mercado (como dropbox o google drive) que ofrece ademais outras funcionalidades de traballo en grupo como calendario ou axenda compartidos.

Grazas ao CDTIC Virtual, as empresas galegas interesadas poderán avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de diversas solucións tecnolóxicas con licenza libre.

Para empregar o servizo só é preciso ser usuario do CDTIC, e dende o espazo usuario solicitar a proba da aplicación desexada, e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba e enviaránselle un usuario e password para facer as probas.

Imaxe da visualización das aplicacións dispoñibles no CDTIC Virtual

As vantaxes desde servizo para a empresa son a capacidade de dispoñer dunha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permite aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos.

O CDTIC prevé ir incorporando progresivamente aplicacións dispoñibles baseadas en software libre para que as persoas usuarias poidan experimentalas facilmente. A seguinte solución que se ofrecerá será Xeshostal que permite a xestión en liña (a través de internet) de establecementos hostaleiros, que foi liberada o ano pasado pola Amtega en colaboración coa Axencia de Turismo. A aplicación é unha ferramenta pioneira para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos.

Servizo de Consultas TIC e Streaming

Os outros servizos presentados hoxe son o Servizo de Consultas TIC e o Servizo Streaming.

O Servizo de consultas TIC, ten como obxectivo resolver dúbidas ou cuestións vinculadas coas tecnoloxías da información e a comunicación de pemes e profesionais autónomos. O funcionamento é sinxelo, xa que simplemente cómpre cubrir o formulario habilitado na web do Centro http://cdtic.xunta.es.

Unha vez recibida a consulta, o CDTIC traballará na súa resolución e enviaralle unha resposta nun prazo máximo de 96 horas. Nestas respostas incluiranse, sempre que sexa posible e existan alternativas de calidade, referencias a solucións libres que cubran as necesidades expostas pola empresa ou profesional autónomo.

Por último, o Servizo Streaming que está deseñado para as persoas que queiran asistir ás actividades levadas a cabo polo CDTIC, pero que non teñen a posibilidade de desprazarse ata as súas instalacións poidan seguir os actos celebrados dende calquera localización a través dun dispositivo con conexión a internet.

Ademais dos novos servizos, Mar Pereira adiantou que hoxe se inicia unha campaña para ampliar o Mapa TIC.gal o punto de encontro virtual para provedores e demandantes de tecnoloxía, no que están inscritos máis de 250 provedores TIC galegos e onde se recollen máis de 500 solucións TIC e, que desde a súa posta en marcha en 2012, acadou máis de 10.000 visitas web.

Tres anos de escaparate tecnolóxico de Galicia

A directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica e Galicia fixo tamén balance dos principais logros acadados nos tres anos de funcionamento do CDTIC. Así, destacou que dende a súa posta en marcha, en xullo de 2011, este centro cumpriu o seu maior reto servir de escaparate tecnolóxico de Galicia, fomentando a interrelación entre a oferta do sector TIC e as empresas galegas.

Desde a súa posta en marcha o CDTIC organizou máis de cen actividades nas que participaron arredor de cen empresas TIC colaboradoras e máis de mil empresas asistentes. En total, impartíronse máis de 300 horas de formación TIC altamente especializada cun nivel de satisfacción entre as empresas moi elevado.

Entre os beneficios percibidos polo sector empresarial, cómpre destacar que o 45% das empresas tecnolóxicas que presentaron solucións TIC no centro recibiu peticións de orzamento e o 26% pechou, polo menos, un contrato. Por outra banda, entre as empresas demandantes que asistiron ao CDTIC, o 90% accedeu a provedores e solucións TIC que non coñecía ata o seu paso polo centro e o 67% afirma ter interese por implantar este tipo de solucións.

Ademais, puxéronse en marcha servizos como o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal, plataforma web do Centro de mostrador TIC que dispón dun directorio categorizado de empresas, produtos e servizos tecnolóxicos. Unha ferramenta de gran utilidade cuxa información se ampliará ao longo deste ano.

Así mesmo, descentralizáronse as actividades do CDTIC a través de videoconferencias coas 98 aulas CeMIT existentes, publicáronse catálogos de provedores e solucións TIC sectoriais, e colaborouse cos principais axentes do sector TIC e do resto de sectores empresariais galegos.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

Fonte: Amtega

Pin It on Pinterest

Share This