Os axentes galegos do Software Libre colaboran coa Amtega en máis do 42% das accións do plan da Xunta, que este ano migrará a software libre ofimático preto de 1000 ordenadores

Mércores, 30 Abril 2014
  • A Amtega asinou hoxe coas universidades e asociacións de empresas e usuarios de software libre os convenios para o desenvolvemento de 34 das 80 accións do Plan de Software Libre 2014 da Administración autonómica
  • Migrarase o sistema de xestión da rede de bibliotecas públicas á solución libre e actualizarase a rede de portais da área de cultura e bibliotecas, empregando solucións de fontes abertas
  • Porase en funcionamento o Centro Demostrador TIC virtual de solucións libres para que as empresas poidan probar dende internet ferramentas libres para a mellora da súa produtividade
  • A Oficina de Software Libre das tres Universidades avaliará a implantación nas súas aulas do sistema de xestión empregado na rede CeMIT da Xunta que é 100% software libre

Foto da presentación do Plan de Software Libre 2014A Xunta abordará no último trimestre deste ano o Plan de migración a software libre ofimático en preto de 1.000 ordenadores dos empregados da Administración Xeral. Así o indicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, tras asinar esta mañá os convenios de colaboración cos axentes galegos do Software Libre galego, aos que trasladou as liñas de acción do Plan de Software Libre 2014, no que participan con 34 das 80 actividades previstas.

Un ano máis a Amtega colaborará co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas; coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); e con cinco Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía. As AGUSL que participan nesta iniciativa son GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Asociación Cultural Proxecto Trasno.
Os acordos asinados hoxe, cunha dotación conxunta de 140.000 euros, permitirán a realización de actuacións que inclúen dende a elaboración de documentación, a tradución de Software Libre á lingua galega, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social e a implantación de Software Libre nas Universidades.

A estes acordos súmanse os asinados recentemente pola a Amtega e os colexios profesionais de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática (CPEIG e CPETIG) que tamén incorporan accións en prol do fomento do Software Libre.

Plan de Software Libre 2014

O Plan de Acción en Software Libre 2014 recolle as 80 actuacións que durante este ano se porán en marcha para incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade, o sector empresarial e na propia administración.

Software Libre na Administración

Ademais da migración a software libre de 1.000 postos de traballo de empregados públicos acometerase tamén a migración do sistema de xestión da rede de bibliotecas públicas á solución libre Koha ILS así como a actualización da rede de portais da área de cultura e bibliotecas, empregando solucións de fontes abertas como Drupal ou Liferay. O software libre será tamén peza clave para a implantación de solucións corporativas de bussines intelligence e de xestión documental e na implantación dun repositorio institucional para a produción científica do SERGAS.

No eido educativo, no curso 2013/2014 o proxecto Abalar chegará a 2.295 aulas de 531 centros educativos, beneficiando a preto de 50.000 alumnos que desenvolven a súa aprendizaxe con Software Libre.

A Escola Galega de Administración Pública ofertará este ano un total de 1.050 prazas de formación con ferramentas de Software Libre. Ademais os empregados públicos poderán obter a Certificación galega de competencias dixitais en ofimática grazas ás 3.500 prazas ofertadas nas quendas libres de avaliación do Plan formativo ofimático de Galicia.

Software Libre para a cidadanía

Durante o ano 2014 está previsto impartir 35.000 horas de formación a través das 98 aulas da rede de CeMIT, que empregan o sistema operativo libre GNU/Linux. Ademais, en colaboración coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e as Universidades celebraranse xornadas, cursos e obradoiros e elaboraranse materiais didácticos que se publicarán no Repositorio Documental de Software Libre.

A Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego avaliará a viabilidade de integrar a metodoloxía e modelo de xestión integrada das aulas da rede CeMIT no equipamento informático das universidades coa intención de reutilizar a experiencia do despregue das aulas da Xunta de Galicia cun 100% software libre. Isto permitiría reutilizar os avances nos desenvolvementos de CeMIT nas Universidades e viceversa.

Este ano convocarase o VII Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades e no que participa tamén a Asociación GPUL.

Software Libre na empresa

No que respecta ao impulso e fomento do Software Libre no ámbito empresarial, o Centro Demostrador TIC porá en marcha o Centro Demostrador TIC Virtual que permitirá ás pemes galegas probar o funcionamento de solucións libres a través da web do Centro Demostrador TIC. Ademais, o CNTG manterá tamén a súa oferta formativa para profesionais TIC en tecnoloxías libres, cada vez máis demandada.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal