• A Amtega ofrece a empresas e entidades do terceiro sector dúas novas solucións libres na nube do CDTIC virtual: Odoo e CiviCRM.
  • Odoo é un xestor de recursos empresarial para as actividades de produción e distribución e CiviCRM é unha ferramenta de xestión das relacións con clientes orientada para organizacións do terceiro sector
  • As solicitudes de acceso ao CDTIC Virtual realízanse a través da páxina web do CDTIC: http://cdtic.xunta.es/

A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon hoxe a disposición das empresas e entidades do terceiro sector dúas novas aplicacións de software libre no Centro Demostrador TIC Virtual, o servizo de proba de solucións TIC na nube.

Imaxe dos novos aplicativos do VCDTIC

Polo tanto xa é posible probar o xestor de recursos empresarial (ERP) “Odoo”, orientado á xestión dos procesos internos dunha empresa, como a facturación, a contabilidade, o almacén ou o proceso de produción. Tamén está dispoñible o xestor de relacións cos clientes CiviCRM orientado a mellorar a comunicación coa masa social e á realización de campañas de captación de fondos en entidades do terceiro sector.

A través da páxina web do CDTIC (http://cdtic.xunta.es/) pódese solicitar xa un período de proba de calquera destas dúas solucións de software libre.

Odoo: Planificación de recursos empresariais (ERP)

Odoo é un sistema de xestión empresarial libre que destaca por ser un ERP moi sinxelo pero tamén moi potente e altamente personalizable grazas á grande cantidade de módulos dispoñibles. Isto permite a súa adaptación as necesidades de moitos tipos de empresas. A configuración do CDTIC Victual terá activados os módulos de xestión de compravenda, xestión de proxectos, xestión de almacéns e inventario, contabilidade analítica e financeira e xestión de recursos humanos.

Tendo en conta a diversidade das empresas, o CDTIC Virtual ofrece dúas configuracións diferentes de proba de Odoo; unha delas orientada a empresas de produción, pensada para para a xestión dos procesos de fabricación; e por outra banda, unha solución orientada a empresas de Compra-Venda que inclúe módulos de TPV e e-commerce.

CiviCRM: Xestión das relacións cos clientes/masa social (CRM)

CiviCRM é un software de xestión de relacións cos clientes orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social. Está dispoñible en máis de 20 idiomas e ofrece un gran número de funcionalidades o que permite unha gran personalización.

O principal atractivo de CiviCRM é que está pensado especificamente para organizacións do terceiro sector (asociacións, fundacións, ONGD, etc) . A xestión de contactos, socios e doazóns de forma integral achega oportunidades de melloras para as orgnizacións.

Entre os seus módulos principais podemos atopar ferramentas de xestión da base de contactos, rexistro de contribucións, histórico de actividades, envío masivo de correos electrónicos, xestión de campañas e eventos, etc.

Aplicacións na nube a través do CDTIC Virtual

A través do CDTIC Virtual, as empresas, organizacións e persoas usuarias que o desexen poderán probar e avaliar estas aplicacións a través dun servizo na nube nun entorno privado, durante un período inicial de 15 días e que poderá ser ampliado ata un mes.

As vantaxes desde servizo son que proporciona unha infraestrutura tecnolóxica xa configurada para probar a solución, sen necesidade de dispoñer da mesma nin de contar co tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos. Deste xeito facilítase que as empresas poidan coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades das solucións ofertadas.

Con esta nova publicación, o CDTIC Virtual conta xa cun total de 4 aplicacións libres que se poden solicitar: owncloud, xeshostal, odoo e civiCRM.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles, non teñen máis que rexistrarse como usuario do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou aplicacións que lles interese.

Pin It on Pinterest

Share This