Mancomún

OBS 26.1.1 permite capturar a pantalla en Wayland

Xoves, 15 Abril 2021
OBS 26.1.1 permite capturar a pantalla en Wayland

OBS Studio 26.1.1 (a aplicación favorita de moita xente que xera contidos para YouTube e outras plataformas de vídeo). xa permite gravar sesións en Wayland de maneira nativa e con soporte completo. A xente de OBS Studio avisa de que todo está preparado para que funcione mellor na versión Flatpak.

OBS Studio permite capturar o que pasa no noso escritorio e emitilos por streaming, podendo mesturar varias fontes de imaxe e son.

Wayland proporciona un método para que os xestores de composición de xanelas comuníquense directamente coas aplicacións e o hardware de vídeo. Cada vez son máis os escritorios que están a engadir soporte para Wayland, como GNOME ou KDE.

OBS Studio

OBS Studio, ou Open Broadcaster Software Studio, é unha aplicación libre e multiplataforma que permite a captura ou gravación de vídeo e a súa retransmisión. Trátase dunha aplicación con características profesionais e doada de utilizar.

A aplicación está desenvolvida en C/C++ empregando a biblioteca gráfica QT e conta con versións para GNU/Linux, Mac OS e Windows. Dispoñible en 55 idiomas, entres os que se atopan o galego e o castelán, está liberado baixo os termos da licenza GPLv2 ou superior. Comezou sendo un proxecto persoal, pero hoxe en día é un referente no sector que conta con máis de 300 contribuidores e que se financia a través de doazóns e patrocinios.

A características de OBS son as que se poden precisar en calquera situación nas que sexa necesario gravar, capturar un vídeo ou retransmitilo tendo como destacadas as seguintes:
– Captura e mestura de vídeo e son en tempo real.
– Permite a inclusión de múltiples fontes: xanelas, imaxes, texto, webcams, navegadores, tarxetas capturadoras…
– Configuración de esceas ilimitadas podendo facer cambios con transicións.
– Utilidade para a mestura de son con filtros.
– Soporte de múltiples formatos tanto de vídeo como de son.
– Soporte para a retransmisión de vídeo ás plataformas de vídeo máis populares ou mediante calquera formato estándar de retransmisión a través da rede.
– Ampliación do seu funcionamento mediante extras e engadidos, tanto cos xa existentes como desenvolvendo novos.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal