O CDTIC organiza un novo obradoiro de formación sobre sistemas de xestión de contidos con licenza libre. O obradoiro “O sistema de xestión de contidos Joomla” terá lugar na sala de formación da aula CeMIT de Vigo o vindeiro xoves 26 Febreiro 2015 de 18:00 a 20:00 horas.

Banner obradoiro joomla

Será impartido por Pablo Arias, desenvolvedor, asesor e consultor web autónomo especializado en Joomla, así como docente en diversos cursos de deseño web. Posúe estudos universitarios de Enxeñería Técnica Electrónica, pero, é sobre todo, entusiasta do software e hardware de fontes abertas e libres.

O seminario está dirixido a profesionais TIC, responsables da xestión web das empresas, autónomos etc. que queiran crear unha páxina web en Joomla ou ben xa administran unha e queiran afondar en como se utiliza e como se lle engaden máis funcións.
A asistencia ao seminario é totalmente gratuíta. O aforo para seguir o obradoiro presencialmente é limitado, sendo preciso realizar unha inscrición previa través do Espazo Usuario do portal web do CDTIC. Aqueles que non poidan asistir, ou ben queden sen praza, poderán igualmente seguir o seminario a través da retransmisión por streaming, para o que se recomenda tamén inscribirse igualmente para coñecemento da organización, e así mellorar a integración dos participantes remotos no seminario.

Joomla é un dos sistemas de xestión de contidos con licenza libre máis popular da web. É empregado tanto por individuos como por pequenas e medianas empresas ou grandes organizacións para crear dun xeito doado e flexible unha gran variedade de webs ou aplicativos web. Ofrece un amplo abano de compoñentes adicionais como son axenda, foros, enquisas, buscador avanzado, sindicación de contidos etc. Entre as súas múltiples extensións destacan varias especialmente deseñadas para integrar no portal unha tenda de comercio electrónico.

O programa completo do obradoiro será o seguinte:

  • Que é un CMS e as diferentes solucións para a creación de sitios web con software libre
  • Exposición das características de Joomla:
    • Licenza
    • Partes de Joomla: parte pública e privada
    • Xestión de usuarios, menús, contidos, modelos, idiomas…
    • Escalabilidade
  • Quen usa Joomla
  • Mitos desmentidos sobre Joomla
  • A comunidade Joomla

Pin It on Pinterest

Share This