A Aula TIC Pemes da USC oferta a V Edición do obradoiro virtual de Xestión de Tendas Virtuais, baseado na ferramenta de software libre Prestashop.

Cartel do obradoiro de PrestashopO curso terá unha duración de 50 horas, entre o 1 de febreiro e o 12 de marzo, cun carácter eminentemente práctico e celebrarse a través da plataforma en liña da Aula TIC. O curso ten un custe de 100 euros, que se reduce a 60€ para alumnado da USC e unha vez superado, emitirase un certificado acreditativo da Aula TIC PYMEs da USC.

O curso está dirixido tanto a profesionais autónomos e pemes como a público en xeral. O contido do curso incluirá a instalación, posta en marcha da aplicación, a administración dos clientes e empregados, a manipulación do catálogo de produtos, a xestión dos pedidos e pagos, así como a análise estatística dos datos entre outras ferramentas. O obxectivo do mesmo é capacitar ao alumnado para ser quen de poñer en marcha unha tenda virtual, personalizala e xestionala de forma económica, de forma que introducirse no comercio electrónico non supoña un problema para as empresas e autónomos.
O curso impártese cunha metodoloxía eminentemente práctica, na que cada semana poñerase a disposición do alumnado na plataforma unha serie de materiais compostos principalmente por vídeos explicativos da temática correspondente, para que poida revisalos e completar as tarefas semanais.

Cada participante terá asignado un titor, que non atenderá a máis de 5 alumnos, que será o encargado de revisar as tarefas, e propoñer, se é o caso, melloras ás mesmas, así como resolver as dúbidas que poidan xurdir. Existirán dous tipos de titorías: titorías en tempo real, para as que se fixará un horario fixo nun día á semana para atención por chat, e titorías en diferido, a través dun foro onde cada participante poderá presentar as súas dúbidas ou consultas onde o titor poderá responder nun máximo de 48 horas.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 31 de xaneiro. As prazas son limitadas. Para inscribirse é preciso remitir u correo electrónico a atpemes @ usc . es indicando nome e apelidos da persoa interesada así como un teléfono de contacto.

Pin It on Pinterest

Share This