Continúan en xullo as actividades do programa SmartPEME, capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra.
Estas actividades buscan facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia de Pontevedra ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.


O 16 de xullo, en horario de 19.00 a 21.00 horas, terá lugar o obradoiro “Plugins de WordPress para mellorar a túa web” no Punto SmartPeme Pontevedra.

WordPress é un sistema de xestión de contidos, enfocado á creación de calquera tipo de páxina web. Orixinalmente alcanzou unha gran popularidade na creación de blogs, para converterse co tempo nunha das principais ferramentas para a creación de páxinas web comerciais.


Co fin de mellorar a túa web e ampliar os teus coñecementos á hora de coñecer todo este tipo de axudas e vantaxes que aporta WordPress, neste obradoiro verase o funcionamento de varios plugins para realizar copias de seguridade da túa web, traducir a túa web a varios idiomas, ampliar as ferramentas de ortografía, formatos e fontes nas túas entradas e páxinas, realizar pop ups, descargar documentos en diferentes formatos, dar distintos roles e permisos á hora de administrar a nosa web, mellora a rapidez de carga, asesor de cookies, posicionamento, galerías de imaxes, creador de logotipos.

Índice de contidos

– Que é un plugin de WordPress?
– Instalación de plugins en WordPress
– Listas de plugins, función, nome e autor
– Vídeos de manexo e configuración dos plugins

Nivel necesario para aproveitar o obradoiro

Intermedio.
O obradoiro será impartido por Natalia Martínez, xornalista especializada en comunicación corporativa e márketing dixital, con máis de 10 anos de experiencia executando proxectos dixitais multidisciplinares e asesorando a empresas e marcas. Nos últimos anos foi docente especialista en publicidade dixital e analítica web para o Máster de Márketing Dixital da USC.

Inscrición

A inscrición pode facerse no teléfono 886 20 20 20, mandando un correo electrónico a info.smartpeme@depo.es ou a través desta web.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This