Obradoiro sobre GPG en Bricolabs

Luns, 8 Xullo 2019

O venres 12 de xullo, en horario de 18.30 a 20.00, Bricolabs organiza o obradoiro “GPG para todos” dentro das sesións “entre Tuxes”, os cales forman parte do programa de actividades da OSHWDem 2019.

Localización

O obradoiro terá lugar no Espazo Maker de Bricolabs, no museo Domus – Casa do Home de A Coruña.

GPG para todos

Obradoiro impartido por Rafa Couto, @caligari_pub no twitter.

Material necesario

É conveniente levar o teu propio portátil para a realización do obradoiro. Se queres sacar o máximo partido ao obradoiro, leva o teu portátil co paquete gnupg instalado: https://gnupg.org/download/index.html

Descrición

GPG (GNU Privacy Guard) é a ferramenta de seguridade de Software Libre que implementa cifrado de chave pública e os algoritmos máis avanzados para cifrar e asinar información que deberiamos protexer. O seu punto forte con respecto a outras ferramentas é que o código fonte do programa, por ser aberto, pode ser revisado e sabemos perfectamente que os nosos datos estarán seguros, sen portas traseiras.
No taller explicaranse os conceptos do cifrado asimétrico (de dobre chave: pública e privada) e a autenticación descentralizada e distribuída (tivemos recentemente un ataque nos servidores de chaves públicas).
Levaranse á práctica, co programa GPG, exemplos prácticos de xeración e intercambio de chaves, cifrado e firma de mensaxes e mantemento dos aneis públicos de confianza.
Este taller está limitado a maiores de catorce anos. Se eres menor de idade deberás vir acompañado por un adulto, e debedes inscribirvos os dous.

Inscrición

Os obradoiros de “entre Tuxes” en Bricolabs son libres e gratuítos, pero existe aforo limitado. Para asistir a eles é necesaria a inscrición previa, a través dos formularios que atoparedes nas webs dos respectivos obradoiros:
– Sesión 07 «entre  Tuxes»: GPG para todos

Máis información na web oficial da Oshdem ou no seu twitter.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal