GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra) en colaboración coa Industriosa, organizan un obradoiro en formato «hackathon» sobre e-Téxtiles, o sábado 14 de setembro.
O obradoiro está incluído no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2019 da Xunta de Galicia.


Descrición

Os téxtiles intelixentes ou e-téxtiles son tecidos que inclúen compoñentes electrónicos como baterías, LED ou mesmo pequenos computadores.
Estos proxectos permiten aos makers con coñecementos previos de electrónica e/ou linguaxes de programación, adquirir novas técnicas e desenvolver habilidades artísticas e creativas como coser, calcetar, tecer, debuxar ou pintar.
E tamén permite a persoas que non se relacionaban previamente coa electrónica e si tiñan experiencia con téxtiles, ampliar o alcance das súas creacións mediante o uso destes novos materiais.


O obxectivo do hackaton é visibilizar o florecente campo dos e-téxtiles que, igual que sucede con outros campos do movemento maker, como a impresión 3D, ou a robótica, popularizouse vinculado a esta vangarda tecnolóxica.

O obradoiro estruturarase en dúas partes, unha primeira consistente nun relatorio por parte da directora do obradoiro e de seguido o obradoiro propiamente dito.
Para asistir á segunda parte é necesario asistir antes ao relatorio.

Logo de GALPon

Horarios e lugar

Data: Sábado 14 setembro 2019
Relatorio de 10.00- 11.30
Hora inicio obradoiro: 11.30
Hora fin: 18.30
Duración total: 8.30 horas
Prazas dispoñíbeis no relatorio: 80
Prazas dispoñíbeis no obradoiro: 40
Lugar: Aínda por determinar, GALPon ten solicitado o espazo na Casa das Palabras en Samil

Biografía da relatora

Este obradoiro estará dirixido por Paola Guimerans (@paolaguimerans), artista, educadora e tecnóloga creativa. Cursou estudos de MFA Design and Technology no Parsons School of Design, Nova York, e traballou no NY Fashion Technology Lab. En 2017 defendeu a súa tese doutoral na Universidade Complutense de Madrid baixo o título «A tecnoloxía como material creativo: E-téxtiles e as súas derivacións no campo das artes visuais».
É asesora en innovación educativa e participa no desenvolvemento de novos contidos curriculares e transversais adaptados á educación escolar e superior universitaria. É autora da plataforma de recursos Prototipadolab e fundadora da iniciativa Aula STEAM. Dende hai unha década participa en foros e conferencias nacionais e internacionais tales como Make Education New York World Make Faire, Conference on Tanxible, Embedded, and Embodied Interfaces TEI13 ou iated International Academy of Technology, Education and Development conference, entre outros.

Logo de A Industriosa

Requisitos de asistencia

Idade recomendada: maiores de 16 anos, os menores de entre 13 e 16 anos poderán asistir acompañados, cada un, dun adulto asistente activo.
É recomendábel ter algúns coñecementos básicos de electrónica e/ou programación para aproveitar mellor esta xornada.

Os participantes teñen que traer o seu propio computador portátil.

Inscrición

É obrigatoria a inscrición a través do formulario que a xente de GALPon porá na súa web (probabelmente o 11 de agosto).

Recomendacións técnicas

Recoméndase levar este software xa instalado.
(Máis información e instruccións de instalación na web de GALPon)
– Python
– Arduino
– MicroBlocks
– MakeCode

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This