O venres 11 de maio, en horario de 19.00 a 20.30, terá lugar a primeira sesión do “Obradoiro de iniciación ao modelado 3D con Blender”, nas instalacións da Industriosa (R/ Barcelona 13, Vigo)

Blender é un software gratuíto de software libre para a creación de contidos 3D. Unha ferramenta moi versátil coa que se poden facer diferentes tarefas relacionadas co modelado, coa creación de escenas ou coa animación de elementos e personaxes en 3D. A pesar de que Blender conta cunha importante Comunidade de usuarios formada por deseñadores e desenvolvedores encargados de ir mellorando ó programa de forma colaborativa cada certo tempo, segue a ter un primeiro contacto que bota a moitos para atrás.

Por iso, é bo que alguén vos abra a porta e vos amose as instalacións para que vos sintades como en casa. Ou noutras palabras, un obradoiro no que coñecer a interface e as funcións máis básicas. Adquirir algo de base, quitarse os medos, para despois seguir avanzando grazas a diversa e abundante cantidade de contidos como videotitoriais, repositorios, foros… nos que seguramente encontraredes solución a calquera das vosas necesidades.

Que faremos?

Este obradoiro é de INICIACIÓN A BLENDER, para o que non son precisos coñecementos de Blender ou de modelado 3D. É unha primeira toma de contacto co espazo de traballo, os editores e ferramentas da parte de modelado, para comprender a forma de traballar e como movernos polo programa.

Para que non se nos faga bola tanta información e conceptos novos, dividiremos o obradoiro en dúas sesións:
Sesión 1: Conceptos básicos de modelado 3D. Interface. Navegación 3D. Atallos de teclado. Selección e transformacións básicas. Ferramentas de modelado e modificadores.
Sesión 2: Emprego de diferentes metodoloxías, técnicas e ferramentas para obter un modelo 3D a partir dun boceto, imaxe, gráfico vectorial ou dun modelo importado.

Que precisas?
Traer un portátil con Blender instalado: https://www.blender.org/download/ Recoméndase o uso dun rato, preferiblemente de 3 botóns (2 + roda de desprazamento ou scroll), para poder moverse polo visor 3D con maior comodidade.

Evento patrocinado por Xunta de Galicia e Amtega Axencia para a Modernización Tecnolóxica

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This