O Software Libre nas empresas de Galicia, Edición 2021

Martes, 25 Outubro 2022
O Software Libre nas empresas de Galicia, Edición 2021

O Observatorio da Sociedade de Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) publicou o informe sobre o nivel de implantación do “Software Libre nas empresas de Galicia” correspondente ao ano 2021.

OSIMGA fai o seguimento e avaliación dunha serie de indicadores relativos ao tecido empresarial galego, de xeito que permite determinar a situación e a evolución da Sociedade da Información entre as compañías galegas. O obxectivo deste estudo é analizar o nivel de implantación e uso do Software libre nas empresas de Galicia, contribuíndo ao coñecemento e ao impulso dos modelos baseados en Software libre e as súas vantaxes competitivas.

Uso do software libre nas empresas informáticas

Mais do 85% das empresas de 10 ou máis empregados/as con sede en Galicia empregou aplicacións de Software libre no 2021. Galicia sitúase na sexta posición respecto ao uso do Software libre no conxunto do estado español e supera a media. O Software libre continúa en ascenso nas microempresas galegas, incrementando súa presenza nun 10,7% respecto ao 2018 e reducindo máis dun 80% a distancia coa media española, pasando de case 5 a menos dun punto porcentual.

A maioría das empresas galegas, sexan grandes ou pequenas, empregan software libre. Case nove de cada dez empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede en Galicia (85,2%) emprega software libre. Así, o uso de Software libre entre as empresas galegas de 10 ou máis empregados/as supera a media estatal (82,9%), o que sitúa a Galicia na sexta posición.

grafico

No ano 2021, crece o uso do Software libre nas microempresas de 0 a 9 empregados/as onde o 66,4% emprega solucións libres, o que supón un aumento do 10,7% respecto ao ano 2018. As microempresas reducen máis dun 80% a súa distancia coa media española, xa que estaban a case 5 puntos porcentuais en 2018 e sitúanse a menos de 1 en 2021.

Este informe foi realizado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), no marco das iniciativas impulsadas pola Estratexia Galicia Dixital 2030 que, dentro do obxectivo de “desenvolvemento do ecosistema dixital en Galicia”, define numerosas actuacións enmarcadas na “dixitalización empresarial”. Ademais, este informe englóbase dentro do Plan de Acción en materia de Software libre.

Pode consultarse o informe correspondente na seguinte ligazón.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal