O 8 de decembro de 2020 os estados membros da Unión Europea acordaron a  “Declaración Ministerial de Sociedade Dixital e Administración Dixital baseada en valores”, tamén coñecida como Declaración de Berlín 2020. Esta iniciativa foi presentada por Alemaña e contou co apoio da Comisión Europea.

Os ministros responsables da transformación dixital na administración pública en todos os estados membros da UE sinalaron a relación entre solucións de código aberto interoperables para o sector público e a soberanía dixital na Declaración de Berlín.

O obxectivo desta declaración é contribuír ao avance da transformación dixital baseándose nos valores europeos e poder aproveitar as oportunidades de futuro da dixitalización alén de marcar a folla de ruta da Comisión Europea para que poida levar adiante as súas actuacións en consonancia coas da declaración especialmente no plan de acción de administración electrónica para 2021-2024.

Referente ao contido da declaración, pódese destacar a inclusión de sete principios ou ideas, das que tamén agroman outras tantas liñas de actuación:

  • Respecto dos valores e dereitos fundamentais á hora de desenvolver a transformación dixital promovendo a transformación dixital baseada nos mesmos e trasladando os valores abstractos a políticas concretas.
  • Ter presente a participación social e inclusiva na elaboración das políticas mellorando a participación poñendo en práctica a cocreación, facilitando os servizos a través do móbil e tratando de ofrecer esas oportunidades de participación atendendo á diversidade e á inclusión ofrecendo servizos transparentes e amigables.
  • Empoderamento e alfabetización dixital promovendo as capacidades dixitais sobre todo entre a cidadanía e no sector público ofrecendo o control dos propios datos e da pegada dixital.
  • Seguridade, confianza e transparencia nas interaccións das administracións fortificando a confianza nos servizos promovendo o uso dos eIDs notificados (Regulamento eIDAS) e explorar posibles acordos sobre requirimentos de seguridade nas TIC así como fomentar a reutilización responsable e legal dos datos ofrecendo regulación sólida que asegure a transparencia e a seguridade.
  • Soberanía dixital europea e interoperabilidade mediante acordos para o avance na soberanía dos datos, no uso dos estándares abertos, o software libre e aberto e a reutilización de datos e ferramentas contribuíndo así ao aumento da competitividade europea.
  • Innovación tecnolóxica dos sistemas centrada nos seres humanos incluíndo o intercambio de boas prácticas promovendo a transparencia dos procesos que interveñen nas decisións automatizadas fixando estándares de calidade para os conxuntos de datos dos que se alimentan os sistemas de IA (Intelixencia Artificial) co enfoque centrado nas persoas de forma ética, inclusiva e sen sesgos.
  • Facer posible unha sociedade dixital  sustentable e con resiliencia incluíndo cuestións como a avaliación das fontes de enerxía e a eficiencia enerxética das ferramentas dixitais, o intercambio de datos de xestión de crises e guías para o uso apropiado e saudable das tecnoloxías dixitais.

Máis información: https://www.bmi.bund.de/SharedDocs/pressemitteilungen/EN/2020/12/berlin-declaration-digitalization.html

Pin It on Pinterest

Share This