O sábado día 1 de decembro terá lugar a terceira e derradeira sesión da actual etapa de Coruña Hacks no Centro Ágora de 10:00 a 20:00 horas.

Coruña Hacks é unha iniciativa que comezou o ano pasado e organizan Árticos (Asociación Arteixo TIC), Coruña Developers, GDG Coruña (Grupo de Desenvolvedores de Google da Coruña) e GPUL (Asociación Universitaria Grupo de Programadores e Usuarios de Linux). Os obxectivos que persegue esta son dinamizar a comunidade de software libre da comarca da Coruña realizando hackatóns nos que se desenvolvan solucións a problemas reais que afecten a persoas, asociacións ou diversas entidades da zona e que isto teña un impacto positivo na sociedade.

Como anunciamos previamente no portal de Mancomún, a nova etapa de Coruña Hacks comezou o 6 de outubro, que se presentou cun formato de tres sesións coa datas fixadas e que rematan este sábado.

Durante a primeira xornada realizáronse a presentación de ideas e proxectos a levar a cabo, posteriormente, escolléronse 4 dos 12 proxectos inicialmente propostos e os participantes foron agrupándose en torno aos proxectos seleccionados para traballar neles durante as sesións dos hackatóns.

Na segunda xornada, xa cos proxectos definidos e os grupos de traballo consolidados, estes continuaron traballando nos proxectos escollidos e que terán as últimas horas de traballo neste sábado. Os participantes terán que preparar a súa candidatura para os premios que se concederán aos proxectos. Ademais, tamén é unha boa ocasión para todas as persoas que puideran estar interesadas na participación dalgún dos proxectos que concorren no evento poidan coñecer e traballar nos proxectos ao abeiro do Coruña Hacks.

Os premios

Todos os proxectos terán un hosting gratuíto durante 1 ano grazas ao patrocinador Dinahosting. Adicionalmente o primeiro clasificado contará con unha fin de semana nunha casa rural para sacar a diante unha versión do seu proxecto e o segundo clasificado terá como premio 300€ para buscar colaboradores a través de BountySource. Tanto o primeiro coma o segundo clasificado tamén terán un dominio por dous anos, e unha partida de lase tag ou escape room á escoller.

Os proxectos participantes

Os proxectos que foron seleccionados na primeira sesión de Coruña Hacks están agrupados nesta páxina de GitLab e son os seguintes:

  • FYD (Fuck you doodle), o cal consiste na creación dunha plataforma de votacións para poder escoller o mellor día para realizar un evento, reunión, etc, ou para tomar decisións grupais de xeito democrático.
  • QAS Sensoring, trátase dun sistema de sensorización da calidade do aire, un proxecto xa comezado (ganador do segundo premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre deste ano) ao que se está contribuíndo engadindo novos sensores e funcionalidades.
  • Aloha, é un proxecto que pretende crear unha plataforma para facilitar coñecer aos teus compañeiros de traballo cando chegas a unha nova empresa a través da gamificación.
  • Matrix Hacks é un dos equipos de Coruña Hacks que decidiu contribuír ao proxecto Matrix comezando coa idea inicial de mellorar a súa integración con Slack aínda que están abertos a máis propostas e melloras.

Os asistentes ao hackatón poderá escoller libremente con cal dos proxectos colaborar, incluso colaborar con varios ou cambiarse entre eles.

 

Máis información e inscrición ao evento: https://www.meetup.com/es-ES/GPUL-Labs/events/256502966/

Pin It on Pinterest

Share This