A finais de febreiro anunciáronse as organizacións participantes da edición deste ano do programa Google Summer of Code (GSoC). Este programa é unha iniciativa organizada por Google dende hai 14 anos que ten como obxectivo principal promover o desenvolvemento de software libre entre o estudantado de todo o mundo. O xeito de conseguir o seu obxectivo é dando unha remuneración económica aos estudantes que decidan acollerse ao programa facendo aos mesmos partícipes do desenvolvemento de proxectos libres mentorizados por parte de membros das organizacións participantes.

Dende o inicio deste programa no ano 2005, participaron nel máis de 14.000 estudantes, 24.000 mentores de 118 países colaborando con máis de 35 millóns de liñas de código de 651 organizacións de software libre.

Os participantes destes evento realizarán traballos principalmente de desenvolvemento para a organización que os seleccionou durante 3 meses, dende maio ata agosto, traballo polo cal recibirán unha axuda no caso de ter conseguido unha avaliación positiva. No caso de España serán 4200$ por estudante.

Dentro da calendario do GSoC, estamos agora no período no que os estudantes que desexen participar no programa teñen que ir preparando as súas candidaturas, ir coñecendo os mentores das organizacións nas que estean interesados, realizando algúns traballos e contribucións nos proxectos das organizacións, para poder ter posibilidades de entrar a formar parte do programa. Posteriormente, entre o 25 de marzo e o 9 de abril, é cando deben efectuar as súas solicitudes aos mentores das organizacións.
Se estás pensando en participar no GSoC como estudante, pode botarlle unha ollada á guía para estudantes.

Dende o punto de vista das organizacións que estean pensando en participar neste programa, teñen que agardar á próxima edición, estando pendentes á páxina do evento e tendo en conta que o prazo de candidaturas de organizacións adoita ser en xaneiro. Se estás pensando en participar como mentor dunha organización que se adica ao software libre seguro que che interesa esta guía para a mentorización.

Pin It on Pinterest

Share This