O pasado 12 de febreiro anunciáronse as 212 organizacións que participan este ano no programa Google Summer of Code, tamén coñecido polas súas siglas GSoC.
Este programa trátase dunha iniciativa que Google leva organizando 13 anos e que ten como obxectivo principal promover o desenvolvemento de software libre entre o estudantado de todo o mundo, facendo así partícipes de proxectos de software libre existentes aos estudantes que consigan acollerse a este programa.
Os participantes destes evento realizarán traballos principalmente de desenvolvemento para a organización que os seleccionou durante 3 meses, dende maio ata agosto, traballo polo cal recibirán unha axuda en caso de ter conseguido unha avaliación positiva, que no caso de España serán 5400$ por estudante.

Dentro da axenda do GSoC, estamos agora no período no que os estudantes que desexen participar no programa teñen que ir preparando as súas candidaturas, ir coñecendo os mentores das organizacións nas que estean interesados, realizando algúns traballos e contribucións nos proxectos das organizacións, para poder ter posibilidades de entrar a formar parte do programa. Posteriormente, entre o 12 de marzo e o 27 de marzo, é cando deben efectuar as súas solicitudes aos mentores das organizacións.
Se estás pensando en participar no GSoC como estudante, pode botarlle unha ollada á guía para estudantes.

Dende o punto de vista das organizacións que estean pensando en participar neste programa, teñen que agardar á próxima edición, estando pendentes á páxina do evento e tendo en conta que o prazo de candidaturas de organizacións adoita ser en xaneiro.
Se estás pensando en participar como mentor dunha organización que se adica ao software libre seguro que che interesa esta guía para a mentorización.

Pin It on Pinterest

Share This