O parlamento Asturiano acordou, por maioría absoluta en pleno, aprobar a proposición non de lei mediante a que se apoia a campaña “Diñeiro público? Código Público!” da FSFE.

A iniciativa foi promovida polo colectivo HackLab Pica Pica, un hackerspace de Oviedo que ten como obxectivos a difusión e o fomento das tecnoloxías e o coñecemento libres dende unha perspectiva ecolóxica mediante diversas actividades e con unhas liñas de traballo que se poden consultar na súa páxina web.

O texto da resolución aprobada pódese atopar nesta ligazón e que se pode resumir en que a “Junta General del Principado de Asturias” se compromete coa campaña internacional Public Money? Public Code! da FSFE que propón a creación dunha lexislación que garanta que o software que se desenvolva ou se pague con financiamento público teña que ter o código dispoñible de xeito público usando como argumentos a independencia tecnolóxica, a accesibilidade, a transparencia e a redución de custos.

Asi mesmo, na resolución tamén se acordou que o organismo público asturiano deberá incluír nos pregos das licitacións que se efectúen a obrigación de que todo o software que se desenvolva para a administración pública teña que estar dispoñible mediante unha licencia libre.

Como colofón da resolución incluíuse que o ente público deberá promover de forma activa a adopción do software libre e formatos abertos en toda a administración pública asturiana mediante a redacción dun plan de promoción e adopción de software libre incluíndo a formación do persoal e as auditorías pertinentes para garantir o éxito do mesmo.

Fonte orixinal: http://picahack.org/el-parlamento-asturiano-vota-mayoritariamente-s%C3%AD-al-software-libre

Pin It on Pinterest

Share This