O municipio de Tirana, o máis grande de Albania, con 800.000 cidadás incorporou Nextcloud á súa pila tecnoloxógica de Software Libre, ofrecendo así un servizo na nube a través do portal https://cloud.tirana.al.

Fai xa varios meses que empezaron a empregar software libre para poñer en marcha o seu servizo de ficheiros na nube, comezando coa solución OwnCloud, pero este pasado mes de xuño deciciron migrar á outra alternativa máis coñecida neste eido, Nextcloud. Esta decisión de migración veu motivada segundo o seu departamento informático polo feito de que Nextcloud ofrece unha solución con soporte profesional pero 100% de software libre, e ademais o crecemento da súa comunidade ofrece máis garantías que a de OwnCloud, como xa comentaramos neste portal fai tempo.

Dende o mesmo departamento están convencido de que esta solución mellorará moito o seu fluxo de traballo interno, permitindo compartir ficheiros entre os máis de 600 empregados da súa administración, complementado con outras solucións que ofrece este producto como a suite de documentos Collabora Online, calendarios compartidos, ferramentas de comunicación ou a posibilidade de empregar aplicacións para dispositivos móbiles.

Esta administración é unha das que maior aposta está a facer polo software libre no este de Europa, non só adoptando moitas ferramentas de software libre de cara a abandonar outras privativas, racionalizando o gasto, senón tamén pola aposta pola cultura do software libre e o tecido empresarial local, fomentando a creación de comunidade con diferentes iniciativas como a comunidade local Open Labs Hackerspace ou organizando importantes eventos como a Open Source Conference Albania (OSCAL), favorecendo a posta en común e o contacto entre diversos axentes do ecosistema do software libre con usuarios, cidadás e empresas.

Pin It on Pinterest

Share This