O Ministerio do Interior francés opta por unha solución de software libre, Nextcloud

Venres, 4 Outubro 2019

Nextcloud anunciou que a súa solución de software libre e código aberto será agora utilizada polo Ministerio do Interior francés, favorecendo así unha alternativa europea de código aberto para as súas necesidades de computación na nube en lugar dunha gran solución centralizada americana.


O Ministerio do Interior francés non é o único que tomou medidas para adoptar esta solución gratuíta: o Ministerio de Educación dos Países Baixos, o Goberno alemán e varios organismos gobernamentais suecos tamén optaron por adoptar esta solución europea.

Nextcloud, solución de nube privada

Nextcloud está pensado para crear un servizo de aloxamento de arquivos. A súa funcionalidade é similar ao software Dropbox, aínda que Nextcloud é de código aberto e ten unha licenza AGPLv3, permitindo a quen o desexe instalalo nun servidor privado. A súa arquitectura aberta permite engadir funcionalidade ao servidor en forma de aplicacións.

Nextcloud Files ofrece unha plataforma de sincronización e acceso universal a arquivos locais con potentes capacidades de colaboración e interfaces de escritorio, móbiles e web.


No caso francés, a migración comezou o ano pasado cunha proba piloto. NextCloud pretende agora apoiar ao Ministerio do Interior co despregamento da solución aos 300.000 empregados do Ministerio. Nextcloud asegura que a seguridade foi unha das principais consideracións do Ministerio: as auditorías realizadas polo Ministerio do Interior francés foron implementadas e continuarán asegurando o cumprimento do código a medida que se realicen novas actualizacións.

Nextcloud ofrece unha solución de nube privada e de aloxamento de arquivos. A solución, de código aberto, foi deseñada para permitir a adición de novas funcionalidades a través de plugins desenvoltos polos colaboradores. Por tanto, o aloxamento de datos para esta solución realízase sen pasar por un provedor de servizos externo.


Para NextCloud, a popularidade da súa solución explícase polas preocupacións expresadas en relación coa American Cloud Act, a chegada a Europa do regulamento GDPR e os recentes conflitos ao redor da introdución do imposto GAFA en Francia.

Nun clima de desconfianza cara aos actores estranxeiros, os ministerios prefiren optar por unha solución europea que se despregue internamente.

Thierry Markwitz, Subdirector de Infraestrutura do Ministerio do Interior de Francia, declarou:
“O goberno francés preocúpase profundamente pola seguridade dos datos dos seus cidadáns e empregados. Coa plataforma de contido local Nextcloud optamos por unha solución segura e fácil de usar desenvolta por un provedor líder en Europa”.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal