O martes 19 de novembro ás 18:30 na Facultade de Informática terá lugar unha nova sesión de GPUL School na que a profesora Laura M. Castro falará do sistema de edición de documentos LaTeX dende cero e proporcionará os coñecementos necesarios para chegar ate o infinito.
A Asociación Universitaria GPUL (Grupos de Programadores e Usuarios de Linux) continúa coa iniciativa GPUL School mediante a que queren achegar á sociedade ás tecnoloxías libres co foco posto tanto na comunidade universitaria máis novata coma nas persoas que pretendan iniciarse no mundo libre dende cero.
Para máis información sobre o evento e a inscrición ao mesmo pódese acceder á páxina de meetup do mesmo.
GPUL School
Esta iniciativa de GPUL naceu para cubrir a demanda existente fundamentalmente por parte de estudantes de informática de formación en tecnoloxías libres concretas sen necesidade de coñecementos previos, por iso esta iniciativa pese a centrarse na comunidade universitaria tamén se abre para todas a persoas con ganas de aprender.
GPUL School ten xa dende hai tempo varias sesións programadas que terán lugar proximamente sobre diversas temáticas como IoT, Raspberry Pi ou a privacidade.
LaTeX
O proxecto LaTeX é un sistema de edición de documentos de alta calidade orientado ao mundo técnico e científico, onde é o estándar de facto.
Os documentos en LaTeX non se editan coma nas suites ofimáticas como LibreOffice senón que se especifican dun xeito parecido ao HTML, XML ou Markdown e a fortaleza deste sistema está en que permite centrarse no contido dos documentos sabendo que o resultado final terá unha calidade alta.