O GRUVI comeza a entrega dos equipos reciclados deste curso

Martes, 7 Xullo 2009
MininoGRUVI, o proxecto de voluntariado da UVigo que recupera equipos informáticos para doalos con software libre a entidades sociais do contorno, comezou o pasado xoves día 2 o reparto de equipos reciclados, tal e como vén facendo habitualmente ao remate de cada curso dende hai anos.

Nesta convocatoria entregaranse un total de 34 equipos entre 27 asociacións sen ánimo de lucro. A maioría destes equipos, de acordo ao obxectivo de promoción do software libre, levarán instalado como software a versión Ronsel de GALPon MiniNo e o resto levarán a versión GALPon MiniNo GestiONG, agás un deles que corre sobre unha Ubuntu configurada no obradoiro do GRUVI para ser empregada como ferramenta de apoio á educación para nenos e mozos.

Esta semana, aínda sen concretar se o venres ou o sábado, remataranse as entregas.
Ademais, cara ao vindeiro curso, segundo explican membros do GRUVI “está prevista a entrega de alomenos dúas aulas TCOS con un equipo de mestre e 7-12 terminais, dependendo de que poidamos facernos cun ou dous equipos PIV ou semellante > 1800MHz, xa que dispoñemos de algo máis de 40 equipos axeitados para seren terminais estúpidos”.

GALPon MiniNO

GALPon MiniNo é unha distribución de GNU/Linux creada para executarse en equipos con poucos recursos hardware.

O proxecto nace en abril de 2008 da confluencia de dous proxectos coincidentes no seu propósito: Galpon Mini e Minino.

O proxecto GALPon Mini xorde da necesidade de dispoñer dunha distribución actualizada, en galego e castelán, para computadores reciclados procedentes da Universidade de Vigo (Grupo de Reciclaxe informático da Universidade de Vigo, GRUVI). A área de software de GRUVI está coordinada por membros de GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra). O proxecto Minino comezou como un intento de construír unha distribución medianamente actualizada “para computadores ben feitos, é dicir, máquinas que aguantan como ningunha o peso dos anos, o po, as temperaturas extremas, os golpes, as subidas de tensión e aos numerosos manazas que aporrearon os seus teclados e cacharrearon coas súas tripas”.

Este proxecto ten como antecedente Guadalinex Mini 2004, que foi durante case tres anos a distribución oficial do GRUVI.

Fonte: GALPon

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal