A compañía tecnolóxica especializada en solucións de software libre, Red Hat publicou fai uns días que o exército británico migrou a súa infraestrutura tecnolóxica a solucións de software libre, que inclúen a distribución de GNU/Linux Red Hat Entreprise e tamén Ansible Tower, ambas solucións co soporte profesional da propia Red Hat.

As necesidades tecnolóxicas pasan por dar cobertura a máis de 19000 soldados despregados en máis de 27 países, así como as súas familias, persoas veteranas e demais. O equipo de Information Application Services (IAS) encárgase de despregar diferentes aplicacións e servizos web a través desta nova infraestrutura na nube que conta con ata cinco servidores de bases de datos e outros dous de aplicacións.

Ademais do emprego de GNU/Linux estase a empregar tamén Ansible Tower, como ferramenta de automatización e mantemento dos servidores, o que permite instalar parches de forma automática, actualizacións e configuracións. Con este sistema o exército británico estima que acelerou os seus procesos ata nun 75%, pasando de ter tarefas que tardaban un día en completarse a facerse en apenas dúas horas.

En palabras do Tenente Coronel Dorian Seabrook, ao mando do IAS: “Queremos ofrecer software máis rápido e máis eficiente para satisfacer os requirimentos dos usuarios finais e fixemos a elección correcta con Ansible. Funciona para nós en varios niveis, e a adopción en toda a organización está empezando a coller forza realmente.”

Pin It on Pinterest

Share This