O encontro de usuarios e desenvolvedores de QGIS terá lugar en marzo na Coruña

Martes, 19 Febreiro 2019

O evento celebrarase na semana do 4 ao 10 de marzo na Coruña. Trátase da Conferencia Internacional de Usuarios e Desenvolvedores de QGIS e é o acontecemento de referencia e punto de encontro da comunidade arredor do proxecto QGIS que pretende involucrar tanto aos usuarios do mesmo coma a toda persoa colaboradora incluídas as desenvolvendoras, un evento organizado pola asociación española de QGIS, a comunidade galega Xeoinquedos e conta coa axuda do Concello da Coruña así como da Escola de Camiños da Universidade da Coruña.

Durante a celebración do evento haberá diversas actividades enfocadas a distintos públicos:

  • Obradoiros sobre QGIS que terán lugar o 4 e o 5 de marzo.
  • Conferencia internacional de usuarios de QGIS o 6 de marzo, dentro da cal hai dous grupos de relatorios das que destacando as charlas clave que correrán a cargo de Joana Simoes e Victor Olaya, dous referentes no mundo xeoespacial.
  • Encontro de desenvolvedores que terán lugar entre o 7 e o 10 marzo.

O obxectivo global da conferencia é compartir coñecemento e experiencias arredor do proxecto QGIS, así como manter contacto en vivo e directo entre a comunidade arredor do mesmo. O programa enteiro do evento pode verse neste enlace.

Toda persoa que queira acudir ao evento deberá realizar a inscrición, esta inscrición é diferenciada para a conferencia de usuarios, para o encontro de desenvolvedores e para os distintos obradoiros. Na propia páxina no evento pode atoparse máis información sobre o mesmo e tamén se pode realizar o rexistro en liña ata o día 24 de febreiro.

A celebración desta conferencia tamén implica que a seguinte versión deste software terá como nome clave, a cidade onde tivo lugar, polo que a seguinte versión de QGIS se coñecerá como A Coruña.

Sobre QGIS

QGIS é un dos Sistemas de Información Xeográfica libre de escritorio máis empregados no mundo, sobre o cal en Mancomún xa publicamos un artigo tecnolóxico con anterioridade. Esta aplicación está presente en todos os tipos de organizacións, ben sexa en empresas privadas ou no sector público e os seus usuarios son de moi variadas áreas, dende a enxeñaría civil, urbanismo e ordenación de territorio, loxística, investigación…

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal