A iniciativa enmarcada no programa "Eu Conecto" promoverá o uso de aplicativos libres, entre outras actividades

Día de InternetA Concellería de Servizos Xerais de Lugo organiza mañá, día 14 de maio, o programa de actividades previsto na cidade con motivo da celebración do Día Mundial de Internet o vindeiro 17 de maio -coincidente por outra banda, coa celebración do Día das Letras Galegas na nosa terra.

Mancomún colaborará coa iniciativa local achegando o seu completo sistema operativo libre, Galinux, que será preinstalado en todos os equipos habilitados para a realización dos obradoiros. Asemade, distribuiranse gratuitamente exemplares do Galinux entre todos os participantes na xornada.

A cita terá lugar na planta baixa da Praza de Abastos de Lugo entre as dez da mañá e as oito do serán, horas nas que se sucederán os obradoiros previstos: Facebook, You Tube, Skype e Google. Ademais, haberá actividades paralelas como a exposición A Historia de Internet, que constará de 16 paneis con imaxes e textos explicativos, desde os anos 50 ata a actualidade, narrando a historia da rede de redes a nivel mundial. Por outra banda, haberá un espazo de ocio con dúas zonas de xogo e todos os participantes entrarán no sorteo dun computador.
A Concelleira de Servizos Xerais, Luísa Zarzuela, encargada de presentar o programa animou a todos os lucenses a participar deste encontro, co que o Concello pretende, ademais de celebrar o Día de Internet, promover o bo uso das novas tecnoloxías, formando e informando sobre as vantaxes que ofrece a súa utilización.

Segundo dixo, esta actividade está orientada a toda a cidadanía para que todos poidan sacar un maior rendemento das novas tecnoloxías, entre elas “ter o Concello na casa a través da rede”.

Estas actividades enmárcanse dentro dunha campaña máis ampla, “Eu Conecto”, que dará comezo mañá e que se prolongará ata o vindeiro 30 de xuño por diferentes lugares da cidade. O programa forma parte do Plan de Dinamización e Sensibilización á Cidadanía lucense e que o Concello de Lugo leva realizando dende o ano 2005, dentro do proxecto 24×7 promovido polo Concello de Lugo en colaboración co Ministerio de Administracións Públicas (MAP).

Zarzuela explicou que “Eu Conecto” busca prover contidos e información de confianza aos usuarios en aspectos referentes, sobre todo, á Administración Electrónica e ao uso de Internet, mesturando para iso a parte formativa coa parte lúdica (solicitar unha subvención, unha axuda, unha licenza, correo do cidadán, pagamentoo dun recibo ou solicitar o certificado de empadroamento).

O calendario será: Do 18 ao 20 de maio: Praza de Abastos; 25 ao 29 de maio, As Gándaras; 1 ao 5 de xuño, en Montirón; 8 ao 12 de xuño, en Fingoi; 15 ao 19 de xuñ,o na Milagrosa; 22 ao 26 de xuño, no Castiñeiro; 29 ao 30 de xuño, no Local Social de Coeses.

Galinux, a mellor opción nas celebracións do 17 de maio

Con motivo dunha data na que en Galicia conviven a celebración do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, Mancomún está a colaborar co Galinux en diferentes iniciativas locais de promoción das novas tecnoloxías, pero ademais en galego.

Así, á parte desta xornada prevista polo Concello de Lugo, o Galinux está a promover o uso do galego nas novas tecnoloxías no marco da campaña “O galego medra contigo”, que durante o mes de maio e comezos de xuño percorre os distintos barrios da cidade herculina, por mor das celebracións do Día das Letras Galegas.

Deste xeito, a sección tecnolóxica da carpa corre por conta de Mancomún, quen está achegando todo o seu material promocional do sistema operativo libre e en galego, así como uns 1000 exemplares deste para a súa distribución gratuíta entre os asistentes.

Aínda que o Galinux é o produto que mellor exemplifica o uso do galego nas novas tecnoloxías, son moitos outros os proxectos que Mancomún está a desenvolver no campo da localización e, concretamente, na promoción do uso do galego nun eido como é o da innovación tecnolóxica: Manual de localización, glosario de termos, coordinación da tradución de diversos aplicativos libres (OpenOffice.org, aplicativos Mozilla…)

Fonte da nova: Concello de Lugo

Pin It on Pinterest

Share This