Segundo informa elPeriódico, o concello de Barcelona ten previsto dar o paso cara o software libre a través dun plan no que primarán ferramentas tecnolóxicas que sigan esta filosofía e que sexan respetuosas cos datos.

Neste plan teñen como obxectivo a contratación de máis persoal técnico TIC, abandonar a externalización de moitos servizos e apostar pola contratación pública de pequenos provedores locais, algo posible grazas ao software libre.

Novos desenvolvementos e migracións

Este ambicioso plan contempla a migración de ata 20 proxectos a software libre, incluíndo o novo deseño da web do portal de atención cidadá. Tamén está prevista a migración dos programas de xestión municipal, dende o correo electrónico ata as aplicacións de ofimática e a compra de novos equipos xa con sistemas operativos libres como base.

Ademais das migracións tamén está prevista a potenciación de solucións libres xa dispoñibles como son o caso da plataforma de smart cities Sentilo, o sistema de comunicación de incidencias, o observatorio de vivenda, o sistema de datos persoais ou a axenda e repositorio de equipamentos cidadá.

Barcelona quere ser tamén exemplo e referencia para que outras cidades poidan seguir os seus pasos, como xa fixeron ata o de agora Dubai, que implantou a plataforma Sentilo, Reikiavic co portal Decidim.barcelona ou Milán e Turín.

Pin It on Pinterest

Share This