A Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, coa colaboración da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), lanza a Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre do Concello, así como o Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre.

Entre os obxectivos da oficina, que estará situada no antigo centro de saúde do Milladoiro (na rúa Agro do Medio número 8) están reducir a fenda dixital para colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico no municipio.

A Oficina de Software Libre centrará as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías de software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, daranse cursos de formación e realizaranse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrecerase axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e será un punto de encontro onde aprender, compartir e construír.

Por outra banda, o Banco de Reciclaxe Electrónica de Software Libre recollerá equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan e que poidan seguir sendo operativos para darlles unha segunda vida e donalos a persoas con poucos recursos.

En concreto, recolleranse ordenadores portátiles, torres, periféricos (monitor, teclado, rato, …) e compoñentes internos (RAM, discos duros…). Estes equipos formataranse e serán reacondicionados para alongar a súa vida útil e así ofrecer a posibilidade de reutilización aos colectivos en situación de vulnerabilidade. Esta iniciativa tamén valorará a posibilidade de ofrecer apoio e soporte no eido do software libre para as empresas e entidades da contorna.

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolleu a presentación deste novo servizo, que aposta polo acceso universal ás tecnoloxías da información e pola solidariedade da veciñanza amesá. Ao acto asistiron Luisa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Voluntariado; Carlos Rodríguez, presidente de Agasol; Luis Alberto Fernández, xerente de Agasol; Rubén Ramos, coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames; Soraya Añón, educadora familiar do Concello de Ames; Sergio Fernández, de Enxeñaría Sen Fronteiras; Iván Tourís, responsable do banco de reciclaxe electrónica de Teo, e Jorge Lama, voluntario no banco de reciclaxe electrónica de ESF da Coruña.

Con este banco tamén se intentará minorar o lixo electrónico producido no concello e o consumo de elementos electrónicos nun contexto de escaseza de materiais, co aumento da vida útil dos equipos informáticos que se reciban, así como dos que a cidadanía traia para emprego persoal aprendendo coas persoas do Banco.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This