• Preto do 77% dos cursos impartidos polo CNTG no período comprendido entre setembro de 2009 e xuño de 2010 ofreceron aos alumnos a posibilidade de realizar un exame gratuíto de certificación.
  • Un total de 537 profesionais TIC da nosa comunidade accederán a estas probas de certificación entre a quenda de Xaneiro e a de Xuño, beneficiándose deste valor engadido das accións formativas do CNTG da Dirección Xeral de Formación e Colocación.
  • Algo máis do 47% destes alumnos accederon a probas de certificación en tecnoloxías FLOSS ou metodoloxías empregadas en proxectos FLOSS.

Durante o ano formativo en curso, o CNTG convocou dous períodos certificadores masivos, un en xaneiro, para aqueles cursos impartidos no cuarto trimestre de 2009, e outro a celebrar entre o 15 e o 17 de xuño, para aquelas accións formativas desenvolvidas no primeiro e segundo trimestre de 2010.

Unha certificación profesional ou técnica dun fabricante ou organización, certifica a total capacitación e pleno dominio dunha versión dun produto ou metodoloxía por parte dun profesional TIC. Estas certificacións validan unha formación e experiencia e posúen alto grao de recoñecemento no sector. Mentres que os temarios e contidos son deseñados polo fabricante ou organización en particular, os exames de certificación realízanos entidades certificadoras independentes, circunstancia esta que supón unha garantía sobre a calidade do resultado final e permite proxectar a nivel internacional a validez e homologación de certificacións.

En total, foron 537 alumnos que accederon de xeito gratuíto a probas de certificación TIC e que se beneficiarán deste valor engadido das accións formativas do CNTG da Dirección Xeral de Formación e Colocación. Desta cifra total, 180 alumnos asistiron ás xornadas de xaneiro, 312 profesionais están convocados para as próximas deste mes e 45 alumnos participaron noutras xornadas de certificación a maiores destes dous procesos masivos.
Certificacións FLOSS

As certificacións ofertadas polo CNTG abranguen as distintas áreas do sector: Administración de sistemas, desenvolvemento, redes, dirección e xestión de proxectos, … e inclúen tanto alternativas baseadas en solucións libres como privativas. Concretamente, o proceso certificador incorporou credencias asociadas a distintos produtos relacionados con tecnoloxías libres como RedHat, LPI, Java, J2EE, MySQL, PHP, Citrix – Xen Server; con metodoloxías neutras como ITIL ou PMI e con tecnoloxías privativas como Microsoft, Oracle, CISCO, Adobe e VMware.

O número de alumnos que puideron acceder ás certificacións en tecnoloxías FLOSS ascende a un total de 195 mentres que 60 alumnos accederon ás probas relacionadas con metodoloxías moi importantes tamén para o desenvolvemento de proxectos libres como ITIL ou PMI.

Isto é, o 47,49% dos alumnos accederon a probas de certificación en tecnoloxías ou metodoloxías empregadas en proxectos FLOSS, contribuíndo así ao aumento do número de profesionais TIC da nosa comunidade capacitados para desenvolver a súa profesión no ámbito do FLOSS, sendo esta unha das principais demandas das empresas TIC do sector.

Fonte: CNTG

Pin It on Pinterest

Share This