CesgaSalustiano Mato, director xeral de I+D+I e presidente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), e Javier García Tobío, director do CESGA, presentaron hoxe o novo sistema de cálculo desenvolvido polo fabricante DELL. O CESGA é un dos maiores contribuidores da rede GRID financiada pola Comisión Europea, EGEE. A través desta rede de supercomputación baseada en estándares abertos e Software Libre investigadores de toda Europa poden investigar novos fármacos contra o VIH ou a malaria ou predicir os efectos das inundacións.

Técnicos do CESGA desenvolven tecnoloxías para control e monitorización da rede EGEE. O software desenvolvido no CESGA foi adoptado polo CERN, institución que dirixe a implantación desta infraestrutura, para o seu uso na que é a maior rede de GRID operativa no mundo.

Para a xeración de novo coñecemento científico-técnico é imprescindible a colaboración internacional de grupos multidisciplinares. Os sistemas grid son unha ferramenta indispensable para facilitar estas colaboracións pola súa alta capacidade de procesado de traballos, a súa arquitectura e os sistemas operativos abertos, o baixo custe de mantemento e actualización, así como pola súa tolerancia a fallos a través de sistemas distribuídos. Todo isto só é posible grazas aos estándares abertos e ao Software Libre. 

O novo sistema de computación supón máis que duplicar a capacidade de cálculo do centro que pasa de 1.957,5 a 4.184,5 GFLOPS (o GFLOPS é a unidade que representa a potencia de cálculo e 1 GFLOPS equivale a mil millóns de operacións que unha máquina é capaz de resolver por segundo). O novo sistema instalado consta de 288 cores de proceso, 144 GB memoria RAM e 4.500 GB de disco. Os procesadores están interconectados por unha rede Gigabit e todo baixo Software Libre.

 

Pin It on Pinterest

Share This