Cartel das xornadasO próximo luns, 28 de abril, as universidades de Vigo e Santiago de Compostela acollerán dous novos obradoiros co título “Libera o teu traballo cunha licenza libre”, que xa acolleu hai un par de semanas na Universidade da Coruña.

Novamente os encargados de achegar a súa experiencia serán Rafael Rodríguez Gaioso, Coordinador da Oficina de Software Libre do CIXUG e Pablo Belay desenvolvedor e responsable da comunidade da aplicación SIX XeoPesca e gañador do Premio ao mellor proxecto de fin de carreira con licenza libre do ano 2013, entre outros galardóns.

Así a partir das 12:00 da mañá será a quenda da Universidade de Vigo, que terá lugar no Salón de Graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a partir das 18:30 da tarde será a Aula de Proxectos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela.

O programa dos obradoiros é o seguinte:

  • Rafael Rodríguez Gaioso, fará unha introdución das licenzas máis usadas para liberar código, e cales son os motivos polos que un programador decide publicar o seu traballo cunha licenza libre. Presentará a edición 2014 do Premio ao mellor TFG con licenza libre.
  • Pablo Belay é desenvolvedor e responsable da comunidade da aplicación GIS XeoPesca, que foi premiada con diferentes galardóns nos que destaca: Premio ao mellor PFC con licenza libre 2013 e os Premios de PortalProgramas nas categorías Maís revolucionario e Maior potencial de crecemento. Amosará os detalles da aplicación, e contará a súa experiencia na liberación da mesma.

Estas actividades están dirixidas aos estudantes en xeral, pero de xeito especial a aqueles que están a traballar no seu Traballo de Fin de Grao, e desexan coñecer o método para poder liberalo, ou ben poder participar na presente edición do Premio ao mellor TFG con licenza libre, que será convocada proximamente.

As persoas interesadas en participar nos obradoiros, deben realizar a inscrición a través da páxina da OSL do CIXUG, na sección de Xornadas.

Pin It on Pinterest

Share This