A sección de “Solucións TIC” do portal mancomun.gal inclúe solucións tecnolóxicas de software libre categorizadas dirixidas tanto a empresas, administración pública como á cidadanía en xeral. O obxectivo desta sección é que calquera cidadán poida atopar diferentes solucións libres para resolver calquera necesidade que poida surxir nas áreas da tecnoloxía de información e da comunicación, abarcando múltiples contextos e escenarios.

Inicialmente esta sección naceu cun conxunto reducido de solucións entras as que se atopaban as principais solucións máis demandadas polas empresas e cidadanía así como as solucións liberadas pola Xunta de Galicia no Repositorio de software libre ou Forxa de Mancomún. Nos últimos meses esta sección foise completando con máis solucións como as solucións que se divulgan nos boletíns, tanto aqueles enfocados á reutilización de software libre na administración, como os boletíns centrados no software libre dirixido máis específicamente para a empresa que se publican neste mesmo portal mensualmente.

Cada unha das publicacións deste apartado consta dunha breve descrición da plataforma ou do software en cuestión, entrevistas ou artigos relacionados publicados no portal se os houbera, ligazón á páxina do proxecto suxerido, ligazón á demo no CDTIC Virtual se existe, ademais doutras posibles ligazóns a sitios relacionados. Tamén se inclúe unha lista de fornecedores galegos da solución proposta obtida do MapaTic.gal, punto de referencia da oferta tecnolóxica en Galicia.

A día de hoxe, o apartado de solucións TIC contempla xa, máis de 40 solucións libres e recoñecidas pola comunidade, entre elas pódense atopar solucións enfocadas á administración pública, ao ámbito empresarial e incluso, para o uso doméstico. Conta tamén con aplicacións para diversos entornos, como LibreOffice, GIMP, Odoo, NextCloud, Moodle, WordPress, PrestaShop ou Mozilla Firefox. Esta lista continuará medrando a fin de ofrecer unha ferramenta de axuda á hora de atopar unha solución libre para calquera necesidade.

Pin It on Pinterest

Share This