Novas contribucións do Proxecto Trasno á lingua galega

Luns, 6 Agosto 2012
  • O proxecto Trasno leva asentados case 200 termos no ámbito das novas tecnoloxías nos últimos dous anos.
  • O volume actual das memorias de tradución do Proxecto Trasno ascende a 6.926.359 de palabras o que equivale aproximadamente a un valor de mercado de 500.000€.
  • O proxecto Trasno outorgará a "Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC" no Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre

Logotipo de TrasnoA estas alturas o proxecto Trasno non debería precisar de presentacións, mais para os despistados, destacar que se trata dunha comunidade aberta de voluntarios que se adican á tradución de software libre ao galego. Esta comunidade leva activa e en pé dende o ano 1999 e abrangue aos grupos de tradución ao galego dos principais proxectos de software libre. O obxectivo final dos membros deste proxecto é de prover aos galegofalantes de sistemas operativos e aplicativos informáticos completamente na nosa lingua na mellor calidade posíbel.

Para acadar este obxectivo, ademais da espectacular labor que levan a cabo de xeito totalmente altruísta, traducindo á nosa lingua os principais aplicativos de software libre, prestan unha moi especial atención á calidade das traducións e ao desenvolvemento de ferramentas de axuda á tradución. Desta volta resaltamos o traballo realizado nos últimos tempos no campo da terminoloxía e das memorias de tradución.

Así mesmo lembramos que Trasno participa este ano na V edición do "Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira (PFC) con Software Libre (SwL)" outorgando a "Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC", valorada en 800€, co obxectivo de incentivar o desenvolvemento de software libre orientado á creación e mellora de ferramentas para o apoio da localización de software libre ao galego.
Resultados das Trasnadas

Dende o ano 2010 veñen realizando periodicamente reunións de debate e asentamento terminolóxico, que deron en chama Trasnadas, e das que xa levan feitas 4 edicións. Grazas a estas reunións presenciais, que permiten consolidar o traballo de discusión terminolóxica que día a día realizan por medio da súa lista de correo, teñen xa acadado o consenso da tradución ao galego de preto de 200 termos no ámbito das novas tecnoloxías (30 novos termos na Trasnada 12.0, máis de 50 acordos na Trasnada 11.1, 80 acordos na Trasnada 11.0 e 20 termos na Trasnada 10). Ademais tamén se acordaron traducións comúns para varias frases arquetipo moi empregadas na tradución.

Esta fin de semana, logo do tempo preciso para a preparación dos materiais, os trasnegos informan da publicación dos acordos terminolóxicos acadados nas últimas Trasnadas, que forman parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolveu ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2012 da Xunta de Galicia.

Impacto dos acordos

Este asentamento terminolóxico supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre e por ende da súa calidade. Todos os voluntarios do Proxecto Trasno comprometéronse a seguir estes acordos en todas as traducións que realizan.

Máis alá da xa de por si importancia de consensuar a tradución ao galego de case 200 termos, o valor destes acordos aumentan se temos en conta que non só participaron nas discusións un gran número de voluntarios do Proxecto Trasno senón outras persoas interesadas e alleas ao proxecto.

Consulta dos resultados

Os resultados acadados en todas as Trasnadas están dispoñibles para todas aquelas persoas interesadas na páxina de resultados das Trasnadas nun glosario en formato estándar TBX (Term Base eXchange), e xa preparados para poder usarse nas principais ferramentas de axuda para a tradución con ordenador (CAT).

Ademais para facilitar a consulta dos acordos terminolóxicos incluíuse unha páxina web dinámica para a consulta de forma local, que non require ningunha conexión á Internet. Dita páxina pode descargarse desde a páxina de resultados das Trasnadas.

Ademais este traballo de asentamento de terminoloxía tamén se incorporou a ferramentas de comprobación automática como Pology, para o cal Marce Villarino creou regras para comprobar que nas traducións se aplican os consensos acadados pola comunidade, e que xa están integradas na versión oficial de Pology de forma que toda aquela persoa interesada poida usalas para revisar as súas traducións.

Ditas regras para Pology xa se usaron para realizar comprobacións e corrixir milleiros de traducións en varios dos proxectos máis importantes do Proxecto Trasno, como Lxde, Xfce, KDE e GNOME, para deste xeito aplicar canto antes os acordos acadados nas Trasnadas.

Pódese atopar máis información sobre as regras para Pology na páxina de resultados das Trasnadas, onde continuarán a publicarse os resultados das vindeiras Trasnadas que se celebrarán durante este ano.

Memorias de tradución

O Proxecto Trasno, consciente do valor e utilidade de dispoñer de memorias de tradución que conteñan as máis dun millón de pares de cadeas orixinais e traducidas durante os máis de 13 anos de traballo, decidiron recompilar na súa web as memorias de tradución en formato TMX que se xeraron para algúns dos proxectos, programas e documentación que se traduciu no Proxecto Trasno, ou noutros organismos ou empresas relacionadas co software libre.

Estas memorias permiten que sexan utilizadas en programas de asistencia á tradución por computador (Computer Aided Translation) de maneira que durante a tradución de novos proxectos a ferramenta ofreceranos posibles traducións para os novos textos en función dos textos semellantes xa traducidos.

Ademais da importancia de semellante compendio lingüístico, 121 memorias de tradución dos correspondentes proxectos, cun total de case 7 millóns de palabras, e da axuda que ofrecen de cara ao futuro para o mantemento da coherencia nas traducións e no emprego de nova terminoloxía, teñen o valor engadido de estaren no formato estándar aberto TMX, o que supón que non dependemos da necesidade dun software concreto para o emprego das mesmas. Así por exemplo, cómpre destacar que unha importante plataforma de consulta de traducións en liña fai uso destas memorias de tradución fornecidas por Trasno o que permite que o as principais traducións ao galego poidan ser consultadas por calquera persoa do mundo dun xeito moi doado.

Segundo o valor ofrecido pola plataforma web http://www.translated.net/en/ o valor de mercado destas traducións sería dun mínimo de 500.000€.

Unha vez máis, os nosos parabéns ao proxecto Trasno polo seu espectacular traballo a prol da normalización do galego nas TIC.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal