Logo de PicarosSe a comezos do pasado mes de setembro informabamos da publicación da nova versión de MiniNo Ártabros con numerosas novidades, desta volta a protagonista é MiniNo Picaros, a adaptación para os máis cativos da casa. Así a comezos deste mes de outubro, o equipo de desenvolvemento de MiniNo anunciaba a nova versión MiniNo Picaros Diego 2014.

Apenas 15 días despois do lanzamento, segundo a información facilitada polos desenvolvedores, xa levan máis de 2.000 descargas.

Entre as novidades desta nova Picaros, o equipo informa que traballaron a prol de facerlle a vida un chisco máis cómoda aos mestres e mestras de Primaria ademais de axustar os programas a este nivel educativo e preparalos para o uso na aula ou na casa.

Destacar por exemplo a inclusión de numerosas utilidades e aplicativos para o uso dos Encerados Dixitais Interactivos, inclusión de novos xogos para os máis pequenos, inclusión de aplicativos para facilitar a lectura de nenos con problemas de dislexia, novos programas específicos para as áreas de música ou inglés, etc a maior parte deles a petición de mestres que veñen empregando xa esta distribución nas súas aulas e comunican as súas necesidades e desexos aos desenvolvedores.

Novidades

As principais novidades máis ao detalle son:

  • Scripts (Menú -> Utilidades de Minino -> Aula de informática) moi sinxelos de empregar para que a tarefa de instalar PicarOS nunha aula de informática estea ao alcance de todos. Configuran a rede (nome do equipo, da un IP estático, conexión a internet), Epoptes (para o control da aula), un cartafol compartido (por samba) e a configuración dun programa que sincroniza toda a aula cun par de clics, todo isto sen necesidade de que a persoa que instala saiba nada de administración do sistema.
  • Encerado Dixital Interactivo:
    • Novo entorno de escritorio (Menú -> Utilidades de Minino -> Estilo de escritorio) deseñado especialmente para os encerados dixitais interactivos.
    • PintaScreen, un programa que nos axudará no uso do EDI.
    • WiimoteWhiteBoard, un script que axuda a configurar o mando da Wii para crear rapidamente un encerado dixital de baixo custo.
    • Engadido un teclado virtual para usalo desde o EDI.
    • Engadido tamén o easystroke, co que se pode iniciar outros programas simplemente facendo xestos sobre o EDI.
  • Gráficos:
    • Engadiuse convertedor de imaxes para converter por lotes ficheiros png, jpeg, gif, svg ou pdf.
    • Cambiouse o gpaint que era excesivamente básico, por Pinta, máis completo e útil sen chegar á complexidade do Gimp.
    • Engadido un programa para que os pícaros poidan facer transparente o fondo de ficheiros gráficos e poder usalos noutros programas como Scratch.
  • Son:
    • A petición de mestras de inglés, engadiuse o reprodutor Clementine, moi práctico para conseguir as letras das cancións.
    • Engadíronse novos programas como Protrekkr (para crear música electrónica) e Scoredate (para adestrar o oído e a lectura de partituras).
  • Vídeos:
    • Engadiuse un script que descarga calquera vídeo, lista de reprodución ou canle enteiro de Youtube e outro para conseguir os subtítulos dos vídeos de Youtube.
  • Ofimática:
    • Actualizado LibreOffice á versión 4.3.1 e tras comprobar que incluso os nenos dos cursos iniciais non teñen ningún problema en utilizalo, temos eliminado o Abiword.
    • Tamén na sección de oficina, engadiuse un script que une documentos independentes, sexan ODP, ODT ou PDF.
  • Programación para cativos:
    • Actualizado o Scratch á versión 2.0 e engadidos varios programas como a saga de xogos Lightbot e un iniciador que apunta cara CodeStudio, onde os máis cativos poden introducirse no mundo da programación sen necesidade de saber ler.
  • Xogos:
    • Engadíronse algúns novos, como Mango Paola, para aprender a xogar ao xadrez, ou algúns de pericia, como Mobius (unha balea que se defende dos pescadores), Pillows ou Pysiogame (para os mais miúdos). Engadidas tamén todas as fases extra que había na web de NumpthyPhisics.
    • Creado un curso completo desde cero de mecanografía para pícaros personalizando Tuxtype.
  • Outros programas novos para outras áreas:
    • «Escaleta», un programa que axuda a controlar os efectos de son dunha obra de teatro.
    • Palabrotas, un sinxelo programa para crear unha presentación de palabras nas que resaltar as letras que queiramos (para traballar a ortografía).
    • Katamotz, con exercicios para traballar a lectoescritura e a dislexia.
    • Instalados novos tipos de letra, entre os que destacamos OpenDislexic, pensada para facilitar a lectura a persoas con dislexia.
    • Engadimos un novo programa de simulación física máis sinxelo de usar chamado Physion.
  • Utilidades varias:
    • Un mini-iniciador moi práctico para buscar rapidamente ficheiros no sistema, vídeos no youtube, palabras no dicionario ou traducións a distintos idiomas.
    • Vigilia, un programa que mide o volume de son da nosa aula a través dun simpático semáforo.
    • Engadido MiniScreen da man dos nosos compañeiros de Lliurex, que temos axustado para que funcione en PicarOS.
    • Na categoría Internet, incluímos un par de iniciadores que apuntan a Filetea.me para compartir rapidamente calquera cousa con calquera persoa no momento e a Appear.in co que poderemos facer una videoconferencia sen complicacións.
    • Un programa para «conxelar» o escritorio e evitar modificacións por parte do usuario.
    • Actualizados Firefox e Chrome ás súas últimas versións a data de 1 de outubro. Pola súa utilidade na aula, mantemos os complementos Adblock, Screegrab e Downloadhelper. Pero ademais engadiuse Pipelight para poder utilizar a famosa aplicación Tagxedo, programada por desgracia en Silverlight.
    • Instalado tamén Calendar Indicator, un frontend de Google Calendar.
  • Ademais corrixíronse moitos bugs, actualizáronse moitos paquetes, e fixéronse moitas traducións novas.

Descarga e documentación

As persoas interesadas en probar esta distribución, ben para o seu uso nas aulas, ou para o seu uso de maneira particular nas casas, poden descargar a distribución na portal de Minino:

Descarga de MiniNo PicarOS Diego: Versión personalizada para Ensino Primario (3-12 anos), cun escritorio e funcionalidades pensadas para que sexa agradable e doada para os pícaros. Necesita, polo menos, un procesador P4-1500MHz (ou equivalente), 512 MB de RAM e 10 GB de disco. Versión híbrida DVDvivo/USBvivo.

Existen diversos videotitoriais que amosan como usar algunhas das funcionalidades de Picaros, así como documentación de libre acceso en Gdrive:

As actividades de difusión de MiniNo Picaros forman parte das actividades que a asociación GALPon desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This