Banner do PremioCo fin de potenciar a participación no Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, vimos de crear unha nova sección na páxina do mesmo chamada Entrevistas aos gañadores.

Nesta nova sección publicaranse, de xeito periódico, entrevistas coas galardoadas e galardoados das pasadas edicións, para que nos conten de primeira man que supuxo para eles este premio, coñecer se a súa traxectoria xa profesional segue ligada dalgún xeito ao software libre, ou escoitar as súas recomendacións ás alumnas e alumnos que se vaian a presentar a esta nova edición.
Hoxe publicamos a primeira delas, na que falamos con Iago Veloso,segundo premio da edición 2014, quen por exemplo destaca que: "Facer un proxecto leva moitas horas de traballo, supoño que a todos nos gustaría que este esforzo sirva para algo e liberándoo consegues que outros desenvolvedores poidan contribuír ou adaptar o teu traballo"

Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

Este premio, que vai pola súa IX edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar a carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. Dende o curso 2011-2012 este premio é convocado e organizado pola Amtega como parte do seu Plan de Acción en materia de Software Libre, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar poñendo en valor o traballo que realizan os universitarios galegos durante o seu Traballo Fin de Grao ou Mestrado, promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Pin It on Pinterest

Share This