Iamxe do GruviO GRUVI (Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade de Vigo) reciclará nos próximos meses os equipos destinados ás 24 asociacións sen ánimo de lucro que foron seleccionadas na última convocatoria deste ano e que lles dará a oportunidade de informatizarse e potenciar a súa actividade.

A selección dos destinatarios finais fíxose entre as máis de 60 solicitudes recibidas tendo en conta ademais de seren organizaciósn sen arela de lucro e centrar a súa actividade nas provincias de Ourense e Pontevedra, outros aspectos como o seu modo de financiamento, a actividade que desenvolven e a finalidade do equipamento que solicitaban.

O DUVI entrevistou a dous dos voluntarios que traballan no DUVI, Daniel Díaz e Abraham Jorge, sobre esta labor de reciclaxe do equipamento informático en desuso con software libre para darlle unha segunda vida.
Abraham comenta que agora mesmo, unha vez resolta a convocatoria comezo o seu traballo de adaptación dos equipos dispoñibles ás necesidades das organizacións, “Nestes momentos estamos a recibir as especificacións e requisitos no equipamento das diferentes entidades para personalizalo e adecualo ao uso que van ter.” O que completa Daniel, “Por exemplo, se o equipamento vai ser utilizado por rapaces, persoas maiores ou discapacitados instalamos o software Minino, moito máis intuitivo que o básico, mentres que se vai ter finalidade administrativa ou contable, incluímos programas específicos para este fin”.

O proceso de traballo comeza cando a Oficina de Medio Ambiente avisa aos membros do Gruvi de onde está o material obsoleto ou en desuso, entón eles achéganse a revisar cal pode ser recuperable e cal non e, unha vez seleccionado, levan ao taller o que se poida reciclar. “A verdade é que hai moito material, neste momento non temos máis espazo ata que entreguemos as adxudicacións, o taller estase a quedar pequeno” subliña Daniel, puntualizando que “normalmente manexamos unicamente material da Universidade de Vigo, aínda que en ocasións tivemos que facer solicitudes públicas dalgún compoñente concreto do que andabamos escasos”.

Diversidade de finalidades para os equipos

A resolución dos adxudicatarios foi publicada a través da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, coordinadora da iniciativa, e inclúe asociacións de todo tipo, fin e actividade. Dende as culturais Trépia, O Fiadeiro, Traspés, Rabalexa, A Bela Auria, Percutas Omar, Fuscalho, Tesela, Arenas de Alcabre e Niña Caracol, pasando polas de acción social Abriendo Caminos, Ponte Solidario, Acción Solidaria de Galicia, A las 5 Acción Social de Emerxencia, Da man e Solidariedade galega co pobo saharaui; agrupacións de atención á enfermidade ou á discapacidade como Disvalía, Fundación Integra, Asociación Gallega contra las enfermedades neuromusculares, Aixiña Ourense e Down Vigo, e as asociacións de mulleres Algueirada e a Federación de Asociacións de Mulleres Anaral e a ecolóxica Amigos da Terra.

A entrega dos equipamentos realizarase cando todo o material estea recuperado e preparado para entregar. “Unha vez que o traballo aquí remate e os equipos estean listos para entregar, dende a Vicerreitoría de Extensión Universitaria avisarán ás entidades para que se acheguen a recollelo nunha data determinada, a mesma para todos” apunta Daniel Díaz que destaca que “ese mesmo día, un integrante de GALPon, impartiralles unha pequena formación sobre o funcionamento do sofware libre que os equipos levan instalado para o seu mellor aproveitamento”.

Gruvi, GALPon e MiniNo, os ingredientes para a reciclaxe e reutilización contra a obosolescencia tecnolóxica

O GRUVI (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo) naceu no curso 2005-2006 da preocupación pola reciclaxe e a reutilización do que acabarían sendo doutro xeito residuos informáticos. O xerme xurdiu ao decatarse que a Universidade de Vigo acumulaba unha morea de equipos informáticos que xa non respondían ás necesidades computacionais para a docencia ou a investigación. Mais, convenientemente preparados estes equipos poderían ser perfectamente recuperables para os obxectivos de numerosas entidades sociais, con escasos recursos para adquirir computadores.

Dende os comezos, contaron coa estreita colaboración dos membros da asociación GALPon, que se encargan de formar aos alumnos voluntarios que participan no Gruvi, así como de elaborar a distribución libre GNU/Linux MiniNo que os voluntarios se encargan de instalar nos equipos previamente reparados. Actualmente hai un total de 6 voluntarios inscritos, tres alumnos do mundo das enxeñarías, un de Belas Artes e dous máis doutras áreas que nada teñen que ver coa informática porque non é necesario, como explica Miguel Anxo Bouzada, presidente de GALPon e coordinador do proxecto Gruvi.

A vantaxe do software libre é, segundo palabras do coordinador do proxecto, que ‘podemos facer que funcione como nós queiramos, facemos uns axustes e unha selección moi coidada dos programas que se van a instalar para cumprir unhas funcións determinadas sen efectos nin cousas raras, para que sexa operativo e funcional‘. Isto non é posible cos sistemas operativos tradicionais como Windows ou Mac.

Esta iniciativa é coordinada pola Oficina de Servizos Integrados á Xuventude e dependente da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e traballa moi estreitamente coa Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo e coa asociación GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra).

Pin It on Pinterest

Share This