Banner do concurso de proxectos tecnolóxicosA Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e Expourense veñen de presentar unha nova edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos co que pretenden vencellar as actividades de I+D+i da Universidade no eido das TIC co mundo empresarial, sensibilizando por unha parte ás empresas das vantaxes da innovación e a investigación relacionadas coas TIC para o aumento da produtividade e da competitividade e por outra parte estimulando a capacidade innovadora do alumnado para desenvolver proxectos cunha visión empresarial.

Así a organización desta XII edición do certame convida un ano máis ao alumnado das titulacións de tecnoloxías da información e as comunicacións das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a presentar os seus traballos fin de estudos máis innovadores.

O xurado par a concesión dos premios terá en conta a calidade do proxecto, a orixinalidade, a dificultade, a aplicabilidade social, a orientación cara a innovación empresarial así como se hai desenvolvemento de software libre no proxecto.
Destinatarios e premios

O certame consta de dúas modalidades nas que pode participar o alumnado das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

  • Modalidade A: dirixida a proxectos de fin de carreira de estudantes dos títulos de Grao en Enxeñaría Informática; Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación; Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación.
  • Modalidade B: dirixida estudantes das titulacións de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e a traballos fin de máster de mestrados oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e das comunicacións.

Segundo a opinión dos responsables, o aspecto máis destacable do concurso é que servirá de excelente escaparate para que as empresas coñezan o talento destes futuros profesionais e tamén o traballo en I+D+i que se realiza nas institucións académicas. Aínda que por suposto haberá tamén unha pequena achega económica para os 3 mellores proxectos de cada categoría. Repartiranse un total de 1.400€ , obtendo 350€ o gañador do primeiro premio da modalidade A e 500€ o gañador da modalidade B. Ademais haberá un premio non económico, “O premio do público”, consistente nunha estancia nun balneario ou nun e-reader para o proxecto que máis seguidores acade no Facebook.

Participación e entrega de premios

Os interesados en participar poden consultar as bases do concurso para coñecer os prazos así como a forma de presentación dos traballos. Os galardóns deste concurso serán entregados na Escola Superior de Enxeñaría Informática ourensá o mércores 18 de decembro de 2013. O xurado reunirase ese día e nomeará aos finalistas, que terán que defender o seu traballo durante 10 minutos.

Co obxectivo de facilitarlle a participación neste concurso aos alumnos e alumnas das Universidades da Coruña e de Santiago de Compostela, a organización pon a disposición dos participantes un bono desconto do 30% en RENFE (inclúe AVANT) que se pode descargar en www.expourense.org.

Pin It on Pinterest

Share This