Munich súmase de novo ao carro do software libre

Luns, 18 Maio 2020

O novo goberno municipal de Munich escollido nos comicios de marzo acordou sumarse á iniciativa “Diñeiro público? – Código Público!”, retomando así a estratexia a prol do software libre que se abandonara co goberno municipal anterior.

No ano 2017 coñecíase a volta a usar sistemas baseados en Windows por parte da administración municipal de Munich. Deuse así, un paso atrás despois de ter sido unha administración onde o software libre tiña unha importancia superior e impulsora de LiMux, onde se realizara a migración dos postos de traballo a GNU/Linux ademais de fomentar o uso de solucións libres de ofimática en lugar das privativas.

As eleccións de marzo debullaron un novo escenario no que a coalición dos Verdes e o SPD asinaron un pacto de formación de goberno que inclúe dar un novo impulso ao uso do software libre na administración.

Ata o momento descoñécense as actuacións concretas que levarán a cabo, pero trátase, dende logo dunha boa nova para o mundo do software libre e para a cidadanía da cidade alemá, xa que gañaran en aspectos como a independencia tecnolóxica, transparencia…

Public Money? Public Code!

“Public Money? Public Code!” é unha iniciativa da FSFE (Free Software Foundation Europe), mediante a cal pretenden concienciar á sociedade e levar a cabo a transición ao software libre, facendo que todo o código que se desenvolva con cartos públicos sexa liberado mediante algunha das licencias libre sendo así este código público. A iniciativa conta xa con máis de 180 apoios de diversas organizacións e máis de 27.000 apoios a nivel individual. Dende a FSFE utilizarán todos estes apoios en forma de sinaturas para contactar cos políticos a nivel europeo para que tomen conciencia e se adiran e forcen á liberación do software financiado por todos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal