Orla dos desenvolvedores asistentes á IV MiniNo DevconfOs desenvolvedores de MiniNo volveron manter esta pasado fin de semana a súa reunión anual, a IV MiniNo Devconf. Nesta reunión, entre outras cousas, ultimaron os detalles que faltaban por pulir e publicaron a MiniNo Ártabros 2.1 RC, o que quere dicir que se non se detectan fallos podería converterse na versión definitiva, que agardan poder publicar non máis alá de finais de Agosto ou primeira semana de Setembro.

Para quen aínda non a coñeza, GALPon MiniNo é unha distribución GNU/Linux, baseada en Debian, que ten por obxectivo dar solución a computadores moi antigos e con moi poucos recursos. Naceu no ano 2008, e a última versión a 2.0 foi publicada hai case dous anos, e conta xa con máis de 14.000 descargas, sendo case 6.000 correspondentes ao primeiro semestre de 2014.

Así pois, case dous anos despois da publicación da versión 2.0, o equipo considerou que era un bo momento de revisar e modernizar esta distribución que está espertando tamén moito interese como alternativa para migrar equipos antigos que ata o de agora tiñan Windows XP, que xa non conta con soporte.
Logo de Minino

Novidades

  • Dúas edicións de MiniNo Ártabros 2.1 para equipos máis e menos antigos, ambas baseadas en Debian 7. Por primeira vez realízanse dúas edicións diferentes:
    • Edición MiniNo Ártabros 2.1 «full» que precisará ser gravada nun DVD ou USB, para equipos algo máis modernos que son capaces de mover ferramentas como LibreOffice e poden ler DVD e/ou USB. Esta edición inclúe LibreOffice e a mensaxería de Pidgin en substitución de Abiword, Gnumeric e Ayttm, e engádenselle os temas de Mate e predeterminaremos o tema Reverse, xa que o Orta-Minino colide co tema gráfico de LibreOffice.
    • Edición MiniNo Ártabros 2.1 «minimal» que pode ser gravada nun CD , para equipos con moi poucos recursos e que só poden ler discos CD. Esta edición mantén o mesmo software que tiña a versión 2.0 e o tema gráfico de xanelas Orta-Minino. En calquera caso, a versión minimal inclúe un script que permite unha vez instalada e estando conectados a Internet, convertela á opción «full».
  • Redución do consumo de RAM dun 12%. Salientar que, tras os últimos axustes, reduciuse o consumo de RAM (nunha instalación e só co escritorio) a 65 MB, a versión anterior precisaba de 74 MB, o que supón unha redución de algo máis do 12%.
  • Melloras na funcionalidade de construción dunha imaxe ISO personalizada. Unha vez configurada a MiniNo Ártabros 2.1 ao noso gusto, é posible construír unha imaxe ISO personalizada para instalala, tal cal noutros equipos sen máis que executar unha simple orde.

Descargas

Polo momento só está dispoñible a descarga da edición Full: MiniNo artabros 2.1 ful RC.iso

É posible tamén actualizar dende unha versión 2.0 a calquera das dúas edicións da versión 2.1 RC seguindo as instrucións da páxina de MiniNo.

Casos de éxito

Como comentabamos, MiniNo está espertando interese e amosando ser útil como substitución de Windows XP, logo do fin do período de soporte deste sistema operativo. Así, podemos salientar dous casos de éxito recente:

  • Adaptación de MiniNo para a Universidade de Santiago para os equipos de acceso libre nas bibliotecas de diferentes centros da USC. Estes equipos tiñan ata o de agora instalado Windows XP, mais ao contar xa con certa antigüidade non soportaría unha actualización a Windows 7, e debido ao fin do soporte de Windows XP é necesario instalar outro sistema operativo actualizado. Por esta razón optaron por solicitar unha adaptación de MiniNo coa imaxe corporativa da USC, a integración dentro do Directorio Activo que xestiona as contas dos usuarios e en breve comezarán o despregue nos equipos das bibliotecas.
  • Doazón de equipos antigos da USC ao cárcere de Teixeiro. A Oficina de Software Libre do CIXUG colaborou coa USC na instalación e configuración de MiniNo en 5 equipos para seren doados para a Aula UNED do cárcere de Teixeiro, para seren utilizados polos internos que estean matriculados na universidade a distancia.

Imaxe de PicarosMiniNo PicarOS

Para rematar, comentar que no encontro do pasado sábado, tamén se perfilou o traballo futuro para a nova versión de MiniNo dirixida aos máis cativos: PicarOs Diego 2014.

Algunhas das propostas nas que traballarán nos próximos meses de cara a ter lista unha nova versión a finais de setembro ou principios de outubro son:

  • Melloras na seguridade e na intimidade, como por exemplo engadir bloqueo de publicidade e vídeos suxeridos do Youtube no addblocks para que os cativos non accedan a vídeos inapropiados ou simplemente para non distraer a atención ou configurar «todos» os navegadores para que non garden o historial de navegación, contrasinais nin cookies a fin de preservar a intimidade dos rapaces, especialmente nas aulas con equipos compartidos.
  • Melloras na navegación, preconfigurando os navegadores para WebGL/OpenGL e WebRTC (sempre que as CPU/GPU o acepten) e cambiando Firefox por Iceweasel.
  • Melloras estéticas e de funcionalidade como por exemplo incorporar tipos de letra para disléxicos.
  • Mellorar e engadir máis programas educativos ou de ocio formativo
  • Melloras nas ferramentas de aula
  • Melloras no plano operacional

Para ter máis información sobre as novidades de MiniNo e Picaros recomendamos consultar as conclusións do encontro, ou a propia páxina da distribución

Tanto o encontro de desenvolvedores como a difusión e publicación das novas versións forman parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This