Pasaia, concello vasco da provincia de Guipúscoa que conta cunha poboación duns 16.000 habitantes, ven de migrar a maior parte do seu parque tecnolóxico a GNU/Linux e a solucións de código aberto e libres.

Podemos consideralo como un bo exemplo para analizar unha migración exitosa dun concello pequeno e que conta cun departamento informático formado unicamente por tres persoas.

Este concello, tivo que afrontar o reto do cambio de sistema operativo e aplicativos en 180 postos que funcionaban con Windows XP, sen soporte desde fai anos.

A distribución escollida foi Ubuntu MATE 16.04, motivado tanto polo rápido ritmo de actualizacións como pensando que o cambio fose o menos problemático para o usuario.

Pero o éxito final da migración radica na preparación previa ao longo de varios anos que levou o departamento informático en conxunto coa toma de decisións acertadas do concello:

  • No ano 2012, Pasaia tomaba a decisión de cambiar a suite ofimática de Microsoft Office 97 a LibreOffice, creándose a partir de entón os documentos no formato aberto ODF (Open Document Format).
  • Migración das bases de datos de Microsoft Access (que en moitos casos eran unha única táboa que exportaron a unha folla de datos).
  • Desenvolver as aplicacións do concello para o seu uso vía web, independizándose do sistema operativo e reducindo a necesidade doutro software instalado en cada posto informático.
  • Uso de migasfree para a xestión centralizada do parque de ordenadores, facilitando moito esta xestión.

Estes cambio previos axudaron moito a que o proceso de migración final do sistema operativo e entorno de escritorio, fose máis doada para os usuarios, estando xa acostumados ao uso de LibreOffice en Windows e de varios aplicativos vía web como o xestor de correo.

O Departamento Informático de Pasaia, tamén está a contribuír coa comunidade, liberando desenvolvementos propios que están sendo utilizados noutros concellos como Zerbikat, para a xestión do catálogo de servizos do concello e ZergaOrdenantzak, para a xestión de ordenanzas fiscais.

Máis información sobre o caso de éxito: http://www.migasfree.org/pub/casos/Pasaia_caso_de_exito.pdf

Sobre migasfree:

Xestor de despregamento, software de servidor de código aberto creado por Alberto Gacías, para “administrar ordenadores de forma centralizada, despregar actualizacións segundo calendarios e características de ordenadores e usuarios, controlar e personalizar cada ordenador mantendo íntegros os teus sistemas e auditar hardware e software”.

Imaxe: de FreeCat CC BY 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=18437896

Pin It on Pinterest

Share This