Microbit, obradoiro de programación en Amigus Labs

Luns, 22 Agosto 2022
Microbit, obradoiro de programación en Amigus Labs

O 27 de agosto en Amigus Labs, (Praza do Hospital 14, As Pontes), terá lugar o “Obradoiro de programación con Micro:Bit”. Unha actividade para fomentar o interese e o achegamento dos nenos de maneira lúdica ao mundo da robótica e a programación, descubrindo a linguaxe en bloque, as matemáticas, a ciencia e a tecnoloxía de forma divertida e colaborativa.

BBC micro:bit é unha pequena tarxeta electrónica programable de 4×5 cm lanzada pola BBC británica no ano 2015 co obxectivo de que máis dun millón de nenos e mozos ingleses aprendesen a programar dunha forma fácil e divertida. No ano 2016 a Fundación Educativa Micro:Bit integrada por empresas como Amazon, Microsoft, Cisco ou Samsung, asumen este proxecto co propósito de promocionar a aprendizaxe da programación e a robótica entre os mozos a nivel mundial.

cartel

O obxetivo do obradoiro e iniciarse na construción de circuítos electrónicos que incorporan distintos compoñentes e controlar o seu funcionamento usando unha ferramenta de programación visual como MakeCode. MakeCode é un sinxelo editor gráfico en liña moi potente que nos posibilita introducirnos no mundo da programación de forma intuitiva a través da linguaxe de programación visual ou de bloques, co que aprendemos a pensar como un programador.

Propoñémonos atopar metodoloxías que potencien nas nenas e nenos as capacidades reflexivas, críticas e creativas, co obxectivo de que desfruten da tecnoloxía. A Asociación Informática Amigus proporcionará todo o material para realizar o obradoiro. O curso é gratuíto, as inscricións formalizaranse por orde de rexistro en amiguslabs.org.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal