Logotipo de MaruOSA intención de MaruOS é capturar e empaquetar toda a experiencia de escritorio nun smartphone aproveitando as capacidades hardware dos dispositivos actuais.

Con MaruOS, un dispositivo telefónico, sen maiores particularidades cas de calquera outro smartphone, transforma o seu uso, case que pola súa totalidade, cando se lle conecta unha pantalla HDMI, converténdose nun completo sistema Linux/Debian de escritorio. A idea de MaruOS é unificar os conceptos de ordenador e teléfono persoal.

A solución que propón MaruOS, intúese, xunta teléfono móbil e desktop así podemos converter o noso propio teléfono móbil nun posto móbil de traballo permitindo ter instaladas ferramentas de edición ofimática coma LibreOffice na súa versión de escritorio no propio teléfono móbil.

MaruOS non deixa en todo momento de ser unha variante de Android polo que o seu uso e funcionamento semella moi similar ao de calquera outro dispositivo. O factor clave radica no momento de conectar unha pantalla externa ao dispositivo. Nese intre é cando aparece na pantalla conectada o contorno gráfico dun escritorio baseado en Linux/Debian. A conexión mediante bluetooth de periféricos como o ratón e teclado fan o resto. Nun instante temos transformado o noso teléfono móbil nun posto de traballo corrente.

O proxecto fixo aparición no panorama dos dispositivos móbiles intelixentes en Febreiro deste ano. De entrada, non se iniciou como unha solución libre, mais a idea actual é abrir o proxecto e seguir unha estratexia máis libre no que os novos desenvolvedores poidan achegar as súas contribucións, especialmente no marco do soporte dun maior número de dispositivos intelixentes.

O proxecto aínda está en estadios iniciais polo que todo o que nos chega non deixan de ser demostracións baseadas no dispositivo de Google, o Nexus 5. Nestas fases iniciais do proxecto a limitación do dispositivo debíase a unha cuestión operativa xa que permitía centrar esforzos no desenvolvemento da solución sen perder eficiencia no mantemento do soporte a distintos modelos Android do mercado. A apertura do proxecto ten un dos seus fundamentos precisamente na idea de que sexa a comunidade a que pouco a pouco vaia ampliando os dispositivos soportados.

MaruOS basea o seu funcionamento na tecnoloxía de contenerización de Linux coñecida como Linux containers (LXC). Dita tecnoloxía permite ter no mesmo dispositivo diferentes contornos de operativo coexistindo ao mesmo tempo sen necesidade dun reinicio do dispositivo para cambiar de modo de traballo.

O proxecto saíu publicado o pasado mes de Agosto en Github baixo os termos da Apache License v2.

Pin It on Pinterest

Share This