A distribución Manjaro acaba de liberar a primeira versión deste ano, a 20.0 co nome en clave Lisya.

Como é de costume están dispoñibles as imaxes de instalación da nova versión en tres sabores de escritorio: XFCE, KDE Plasma e GNOME. Mediante estas imaxes pódese probar o sistema sen instalar nada no equipo e tamén realizar a instalación de Manjaro na computadora. Ademais das imaxes de instalación especialmente preparadas para os escritorios tamén existe unha versión para usuarios avanzados que se chama Architect, cuxo instalador permite seleccionar cada un dos compoñentes do sistema.

As imaxes para instalación desta nova versión só serven para realizar instalacións de cero, toda persoa que xa teña instalado Manjaro non necesita reinstalar o seu sistema, tan só con actualizar o seu sistema xa tería a nova versión grazas ao modelo de liberacións “Rolling Release“.

Novidades de Manjaro 20.0

Esta versión de Manjaro trae como unha das novidades principais o novo núcleo de Linux 5.6 que ten unha serie de características importantes como MultiPath TCP ou WireGuard, sendo o primeiro kernel que integra a solución de VPN no seu código.

Manjaro 20.0

Manjaro 20.0 tamén inclúe o soporte do sistema de ficheiros ZFS durante a instalación, a nova versión da aplicacións KDE, o entorno de escritorio KDE Plasma 3.36.2 e o GNOME 5.18, recén liberados, mentres que conserva a versión de XFCE na 4.14, pero si que integra un novo tema para este escritorio.

Con esta nova versión, introdúcese por defecto o soporte dos paquetes autocontidos snap e flatpack, así mesmo tamén conta con todo o resto de actualizacións de seguridade e correccións do distinto software que integra esta distribución e outras novidades menores que se poden consultar nesta ligazón.

Proxecto Manjaro

O proxecto Manjaro é unha distribución de GNU/Linux baseada en Arch Linux, que ten como lema: O sistema operativo libre para todo o mundo (free operating system for everyone), pois a diferencia da distribución pai desta, está pensado para que sexa doado de instalar e de configurar, polo tanto o seu uso está indicado para calquera tipo de usuario.

Unha das características interesantes que ten Manjaro é que ten un lanzamento de tipo “Rolling Release“. Isto quere dicir que unha vez se teña o sistema instalado non é necesario realizar actualizacións grandes para saltar de versión en versión. Chega con ir instalando as actualizacións dos distintos paquetes que integran e que se van liberado unha vez os contribuidores de Manjaro os proben en conxunto para detectar fallos previos a lanzalos para todos os usuarios. Este tipo de lanzamentos está sendo empregado por diversas distribucións como Arch Linux, openSUSE Tumbleweed…

Debido ao éxito do proxecto Manjaro, o ano pasado tomaron a decisión de fundar unha empresa homónima con sede en Alemaña, como contamos previamente nesta nova do portal de Mancomún.

Pin It on Pinterest

Share This