• O DOG publica hoxe a primeira convocatoria deste ano con 180 prazas para o curso de formación previo ao exame presencial para a obtención do CODIX
  • O certificado de competencias dixitais en ofimática, que emite a Amtega, acredita a formación neste materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

Imaxe das portadas das unidades formativas publicadas do CODIXA Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá o prazo de inscrición para para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG, con 180 prazas para o curso, previo ao exame presencial.

Para acceder a este curso, os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio.
O prazo de inscrición será de sete días naturais a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días naturais desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
O curso, que se estenderá ata mediados do mes de xuño cun total de 190 horas de contidos, afonda nos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Os materiais formativos que compoñen estes cursos, na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice, foron elaborados e publicados con licenza libre e en formatos abertos, seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia recentemente publicada.

As persoas que xa posúan estes coñecementos poden optar ás convocatorias para as probas presenciais sen realizar o curso formativo.

Próximas convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2015, con 1.000 prazas que se ofertarán en dúas convocatorias para os cursos de teleformación con inicio en marzo e setembro e noutras dúas novas convocatorias de exames presenciais en abril e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou opten pola modalidade autoformativa, ben a través da sección “Autoformación” – “CODIX Ofimática” da plataforma EMA da rede CeMIT ou ben a través da consulta dos materiais formativos publicados no Repositorio Documental, ou pola formación con calquera outro material ou centro formativos.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron preto de 500 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 800 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas probas presenciais celebradas en diversas aulas da rede.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

Fonte: Amtega

Pin It on Pinterest

Share This